Exposición Ames medieval no IESP de Ames

Despois de realizar toda a nosa investigación sobre a Idade Media, chegou o momento de dar a coñecer eses resultados ao resto da comunidade educativa do centro!

Desde o 25 de maio, pódese visitar na entrada do noso instituto a exposición Ames Medieval realizada polos alumnos e alumnas de 2º de ESO de Xeografía e Historia.

Na exposición pódense ver os escudos dos apelidos dos alumnos e alumnas, cos apelidos escritos en caligrafía gótica.

Tamén temos exposta unha selección de réplicas de miniaturas medievais realizadas polo alumnado e correspondente aos seguintes códices: Bestiario de Aberdeen, Codex Manesse, Beato de Liébana, Cancioneiro de Santa María e o Libro das Horas.

Ademais, podedes intentar adiviñar o significado dos símbolos recollidos nos debuxos inspirados nas laudas gremiais de Santa María de Noia, mais tedes que ter en conta que os alumnos e alumnas non representaron as súas profesións senón as súas afeccións!

Tamén expuxemos unha escolma de fotografías sobre diferentes elementos da paisaxe medieval de Ames e outros municipios dos que proceden os alumnos e alumnas, como Brión, Negreira, Teo, Val do Dubra, ou Vedra.

 

 

 

 

 

 

Pero aínda hai moito máis! Podedes ver os resultados da investigación sobre o Ames medieval no museo virtual Kaleidoscape. Lembrade que para entrar no museo virtual non precisades darvos de alta como usuarios. Agardamos a vosa visita e despedímonos ata a vindeira aventura!