OS WAY WATCHERS DO CPR PLURILINGÜE LA MERCED PRESENTAN AS SÚAS PROPOSTAS NO CONCELLO DE SARRIA

OS WAY WATCHERS DO CPR PLURILINGÜE LA MERCED PRESENTAN AS SÚAS PROPOSTAS NO CONCELLO DE SARRIA

Os Way Watchers de 2º da ESO do colexio La Merced de Sarria son “vixiantes” do Camiño e como tal vixían a ruta xacobea. En esta saída mensual, reuníronse no Concello co alcalde, Claudio Garrido, para trasladarlle diversas propostas de mellora do itinerario histórico. Os mozos propuxeron limpar o miradoiro da antiga prisión, crear baños públicos, colocar colectores ou poñer en funcionamento fontes. O alcalde e o concelleiro de seguridade cidadá e deportes, Félix Seijas, escoitaron todas as súas peticións e responderon. Explicaron que a contorna do miradoiro é propiedade privada e que os peregrinos teñen baños na Praza da Vila, así como no recinto feiral os días de mercado. Tamén deixaron claro que as fontes non funcionan pola pandemia.

Os estudantes amosáronse “emocionados” de ser recibidos polo Concello, que apoia o proxecto, explicaron desde A Merced. Os Vixiantes levan uns chalecos para ser ben visibles durante as súas saídas. Estes saen unha vez ao mes para retirar o lixo, repintar as frechas ou limpar sinais no tramo da estrada que transcorre entre a Rúa Maior e a Ponte da Áspera.

Os “vixiantes” do Camiño atopan “moitos” residuos no itinerario, como plásticos, envases, cartóns e mesmo un vello quentador. Hai, din, moitos letreiros con adhesivos ou nomes pintados. A isto súmase que algúns peregrinos levan as placas dos fitos que indican os quilómetros que faltan para chegar a Compostela, denuncian.

Tamén dan indicacións aos camiñantes para que percorran a ruta “dunha forma sostible”. O alumnado tamén toma conciencia da importancia do patrimonio artístico do ámbito escolar, como a igrexa de San Salvador ou o convento da Merced. Todas estas actividades son apreciadas polo alumnado do colexio, que creou hai uns catro anos o proxecto Way Watchers co fin de dar a coñecer á mocidade o coidado do Camiño de Santiago, unha ruta que está moi presente no seu día a día ao pasar polas portas do centro educativo.