UN CAMIÑO SOSTIBLE

 Neste curso, no CEIP Manuel Respino da Rúa están realizando un traballo sobre o Camiño de Inverno que pasa moi preto do centro. Por iso este colexio foi un dos lugares elixido polo grupo de voluntarios europeos que estiveron na Rúa dentro do programa ‘XacobeAndo’, para realizar un dos traballos en torno ao Xacobeo e o Camiño de Santiago, cos alumnos de 6º de Primaria.

Hai unhas semanas realizaban un tramo do Camiño e confeccionaban un mural, e, dous días antes de rematar a súa estadía na Rúa, realizaban un obradoiro no pavillón cuberto sobre o Camiño sostible:

Para a actividade, dividiron aos nenos en tres grupos, coordinados polos voluntarios. No primeiro explicaban como reciclar, o que tardan en degradarse os materiais e demais. No seguinte grupo tiñan que poñer en práctica o aprendido sobre o tempo de degradación, indo ao punto co tempo real que eles consideran. E xa no terceiro grupo, había unha xincana sobre que se pode facer co eses materiais reciclados.

De seguido, alumnos e voluntarios desprazábanse ata a Aula de Música para asistir a outro taller, desta volta a cargo de Laura Ferández e a súa nai Elvira, para facer corazóns dándolle unha segunda vida a vellas prendas, dentro do seu proxecto ‘Matria’.