Actividades nos centros: os alumnos e alumnas do IESP Rosalía de Castro visitan Compostela con gafas arqueolóxicas

Os alumnos e alumnas de 2º da ESO do IESP Rosalía de Castro de Santiago de Compostela recibiron o 2 de maio a visita da arqueóloga María José Bóveda, coa que desenvolveron unha actividade didáctica que comezou na súa aula e seguíu nas rúas da cidade. María José invitounos a coñecer a súa cidade dende outra perspectiva, invitounos a “ollar Compostela con gafas arqueolóxicas” para o cal axudounos a fixarse naquelas cousas nas que se fixan os arqueólogos no seu traballo:

  • Os datos históricos: mediante os documentos e os planos antigos
  • A toponimia: os nomes das rúas
  • A paisaxe: a forma das rúas
  • Os restos arqueolóxicos conservados

Un dos elementos que contribuíu á configuración do urbanismo de Santiago foi a súa “cerca” ou muralla medieval. Así que con estas pistas todos sairon ás rúas da cidade para seguir as pegadas que deixou a muralla.

Fixáronse nos nomes das rúas, como praza da Atalaia, ou rúa Entremurallas, e tamén viron algúns dos restos que quedan da muralla. Coñeceron os lugares e nomes das portas da cidade, como o arco de Mazarelos  e visitaron restos arqueolóxicos como os dunha antiga fonte atopada cando se fixeron as obras de reurbanización desta zona da cidade e que foi escavada. A  fonte de San Clemente atópase na praza do mesmo nome e considérase a máis antiga da cidade posto que sábese que estaba xa en uso no século XIV.

A actividade foi gravada en todo momento polos alumnos e alumnas que están traballando nun documental sobre o patrimonio de Santiago como parte do proxecto co que participan en “Mirando polo Camiño”.

As fotografías foron realizadas polos profesores que participaron na visita e na seguinte ligazón podedes ver a presentación coa que a arqueóloga introducíu ao alumando e ao profesorado na actividade.

Ollar Compostela con gafas arqueolóxicas