Brañas da Devesa – Patrimonio natural do Concello de Ames

O alumnado de 4º de Primaria visitou as Brañas da Devesa acompañados por Patricia Reboredo.

A composición e bo estado do patrimonio natural de Ames é de alto interese ambiental.

Prados, ríos e arboredas, tal e como escribiu Rosalía de Castro, xunto con outras formacións naturais como as fragas, os vales, e as brañas, conforman hábitats que albergan unha inmensa variedade de vida.

A parte oeste do concello corresponde co suave Val da Maía, val aluvial formado polo río Sar, que deixa unha veiga rica en sedimentos que a fai especialmente importante para o cultivo de froita e horta. O concello de Ames foi considerado durante moito tempo como a horta de Santiago de Compostela.

Os lugares das Punxeiras Baixas e Sisalde, zonas nas que se teñen producido inundacións provocadas polas enchentas do río Sar, son considerados como lugares de interese comunitario e pertencen á Rede Natura 2000. Ademais, serven de zona de cría ou descanso para numerosas aves.

Destaca na contorna do río Sar, e nos seus afluentes como o rego do Ameneiral e o rego dos Pasos, a presenza da garza real, pato azulón, andoriña común, e a presencia de pequenas zonas de recuperación da especie de narcissus cyclamineus, recollida no catálogo galego de especies ameazadas como unha especie vulnerable.

Preto deste espazo protexido existe unha importante reserva de biodiversidade nas brañas da Devesa, que están situadas no lugar das Cortes. Son unha das poucas brañas galegas que persisten sen desecar. O Concello de Ames ten un proxecto de posta en valor das brañas en xeral e destas en particular.

VISITA ÁS BRAÑAS DA DEVESA