ESTADO DO PATRIMONIO NATURAL NA NOSA CONTORNA

O noso colexio atópase nun entorno rural, o dun concello con pequenas localidades e rodeado de monte. Nos bosques de Padrenda alternan as plantacións de piñeiro coas carballeiras, aínda que as árbores cadufolias teñen máis presenza na media encosta, a partir dos 200 metros de altitude, mentres que nas zonas máis baixas, ás beiras do Miño atopamos un bosque de transición cara o ecosistema mediterráneo con presenza de sobreiras e érbedos. Na montaña de Padrenda, extremo occidental da serra do Xurés atopamos vexetación de matogueira, nunha área na que nace numerosos regatos (Barxas, Gorgua, Deva) que van descendendo cara o pai Miño, e acollen nas súas beiras ricos bosques de ribeira (amieiros, freixos, bidueiros).

Recentemente saímos desde o colexio a comprobar o estado desta contorna natural que nos rodea e seguimos os sendeiros do bosque máis próximo ao noso colexio, os que conducen ate a zona de instalacións deportivas municipais.

Lamentablemente, puidemos comprobar como demasiada xente guinda latas, plásticos e envases en xeral cando camiña no monte. Lixo do que recollemos cantidade suficiente para encher varias sacas logo de camiñar durante uns vinte minutos e que fomos retirando principalmente das cunetas e beiras dos sendeiros máis transitados.

Sen embargo, o punto máis triste e desolador da experiencia atopariamolo nun verdadeiro vertedoiro ao aire libre que descubrimos pouco antes de chegar á zona deportiva. Moreas de electrodomésticos, cascallo e lixo doméstico variado que se atopan ciscados no monte, constituíndo un foco de contaminación e un perigo para a seguridade das persoas, especialmente de nenos e nenas.

Esta experiencia serviunos para comprobar de primeira man a necesidade de concienciar máis aínda á nosa sociedade nos valores do civismo e o coidado do medioambiente. Só así poderemos conseguir que un rico entorno natural coma o que temos a sorte de posuír non siga sendo estragado.