Mirando polo Camiño

Preténdese traballar co alumnado de xeito contextualizado sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que o centro educativo está emprazado. Este programa está destinado a centros que se encontren en concellos polos que pase algún dos tramos dos Camiños de Santiago oficialmente recoñecidos (Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño de Fisterra, a ruta de inverno e a ruta do mar de Arousa, tamén chamada ruta da Traslatio).

Os centros que participan neste programa recibirán a visita dun técnico (arqueólogo/a, arquitecto/a, restaurador/a, conservador/a, etc) que teña feito algunha intervención nalgún ben do patrimonio no seu concello. Trátase de que os alumnos coñezan de primeira mán o traballo dos profesionais que traballan directamente co patrimonio e coñezan as intervencións realizadas para a conservación do seu patrimonio. A visita do técnico pode desenvolverse no centro ou na contorna, onde se atopa o ben do que se vai falar.

Estes son os centros e os técnicos que van recibir:

IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Visita ao castelo da Rocha Forte da man da arqueóloga María José Bóveda, directora das escavacións.

IES Plurilingüe de Ames. O arqueólogo Mario César Vila explicará in situ os traballos de posta en valor dos petróglifos de Montecastelo e da Pedra Negra en Ames.

CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía. Sonia García Rodríguez, arqueóloga que está realizando os traballos de documentación para o Plan Director da Colexiata de Xunqueira, realizará cos alumnos unha “prospección arquitectónica” no contorno da colexiata. Proporase unha recompilación de fotografías antigas dixitalizadas que sirvan de testemuña dos distintos usos que tiveron os distintos edificios do conxunto ao longo do tempo. Este material serviría para o traballo de documentación que se está a facer para o Plan Director.

CEIP de Quiroga. O arquitecto emilio Bussieres e o arqueólogo Santiago Ferrer explicarán os traballos de restauración da igrexa de San Xoán na parroquia de San Salvador de Hospital e de recuperación e posta en valor da capela de San Xoán, vinculada á Orde de San Xoán de Hospital encargada de velar pola seguridade dos peregrinos a Compostela.
IES de Carral.Os alumnos visitarán o castro das Travesas e a súa colección visitable guiados polo arqueólogo Antón Fernández Malde.

CEE de Vilagacía de Arousa. A arqueóloga Sonia García Rodríguez amosaralles aos alumnos en qué cosistiron os traballos de consolidación na capela dos Miragres na illa de Cortegada.

CEIP Sagrado Corazón de Lugo. Cómo se constrúe o discurso expositivo dun museo? A conservadora do Museo Catedralicio de Lugo, Carolina Casal, revelará os segredos que hai detrás dunha montaxe expositiva.

CEIP Víctor Sáez de Mazaricos. Xunto con Erundina Alvela, técnico de cultura do concello, os alumnos de Mazaricos coñecerán unha necrópole megalítica no Camiño de Fisterra.

CPI Plurilingüe de Vedra. O arquitecto Ricardo Varela falará do valor cultural dos xardíns históricos (xardíns do pazo de Sta Cruz de Ribadulla).

As visitas dos técnicos programaranse para o último trimestre do curso adaptándose as datas á disponibilidade de cada centro.