O IESP de Ames como ben patrimonial
A investigación deste curso no Proxecto Educación Patrimonial do Plan Proxecta estivo marcado pola pandemia de Covid-19. O protocolo da pandemia fixo que, a diferenza doutros cursos, non puideramos realizar o estudo da paisaxe cultural do municipio de Ames, mais permitiunos desenvolver un proxecto moi interesante que había tempo queríamos facer: estudar o noso propio centro como un ben patrimonial e elemento histórico tanto para a comunidade educativa como para o propio municipio.
Durante o proxecto establecemos sinerxias co Proxecto Terra, tamén dentro do Plan Proxecta, no que se estaba a traballar nos aspectos naturais do centro, e deste xeito identificamos, estudamos e demos a coñecer os valores naturais, materiais e inmateriais do noso instito.
Ademais de realizar esta investigación ao longo do curso, tamén levamos a cabo outras actividades en cada un dos trimestres: Patrimonio no faiado, Historia do presente, Historia secreta das plantas, Mensaxes a través do tempo, Let’s swing, e Obradoiro de baile galego.
No proxecto participaron alumnos e alumnas de 4º de ESO principalmente, mais nas conexións que establecemos co Proxecto Terra sumáronse alumnos e alumnas de 3º de ESO e 2º de bacharelato.
Nesta entrada do Blog da biblioteca Carlos Nieto do centro podedes ver un resumo do traballo feito e no Museo Virtual KaleidoScapes podedes acceder aos resultados das investigacións deste curso.