O espectáculo Virus Match de Caxoto encheu de risas, reflexión e participación a Biblioteca de Frades
A pasada mañá do sábado, a Biblioteca de Frades acolleu unha nova actuación do inconfundible Caxoto, que regresou con Virus Match, un espectáculo cargado de humor, participación e moita improvisación.
Nesta ocasión, o artista convidou ao público a reflexionar sobre o “virus do machismo” dunha maneira divertida, intelixente e chea de creatividade. Cunha posta en escena áxil e moi próxima, Caxoto conseguiu que todas as persoas presentes —nenas, nenos e adultas— se implicasen activamente nunha historia que combina risa, pensamento crítico e educación en valores.
O público entregouse por completo, desfrutando dunha proposta na que o humor serviu como ferramenta para promover a igualdade e a convivencia. Unha vez máis, Caxoto fixo gala da súa gran capacidade de improvisación e conexión coa xente, facendo de cada momento unha experiencia única.
Non é a primeira vez que nos visita, e como sempre, deixou o listón ben alto. Na Biblioteca de Frades estamos encantados de poder contar con el e xa agardamos repetir experiencia, porque as súas actuacións son garantía de alegría, reflexión e bo humor.




































Séguenos