Que é?

“Mirando polo Camiño” é un programa educativo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se desenvolve no marco do “Plan Proxecta”, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con distintos organismos, que pretende fomentar a innovación educativa nos centros mediante a participación en programas de diferentes ámbitos propiciando o traballo cooperativo e interdisciplinar.

Mediante o coñecemento do patrimonio cultural vinculado ao Camiño de Santiago, introdúcense os conceptos de protección, conservación e divulgación e o uso sostible coa finalidade de impulsar a concienciación dos nenos e nenas no respecto polo patrimonio cultural empezando polo existente no territorio inmediato. Preténdese achegar ao alumnado e á comunidade educativa unha idea do patrimonio cultural como a construción dun concepto de identidade a partir dun territorio, construído e caracterizado polas pegadas que deixou nel a actividade humana.

“Mirando polo Camiño” está pensado para traballar co alumnado de maneira contextualizada sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que o centro educativo está emplazado. Na primeira edición do programa, no curso escolar 2015-16, participaron  centros emprazados nalgún dos tramos galegos do Camiño Francés, o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo, todos eles incluídos na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

Nesta convocatoria do curso 2016-2017, ampliouse a posibilidade de participación a centros emprazados nos distintos tramos galegos dos Camiños a Santiago (Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Ruta da Prata e Ruta do Mar de Arousa tamén chamada Ruta da Traslatio). Os centros que participan este ano son:

  • CEIP Plurilingue Nº 1 de Tui
  • CEIP Illa Verde  e CPR María Auxiliadora de Lugo
  • IES A Cachada de Boiro
  • CEIP do Camiño Inglés de Oroso
  • CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía
  • IES de Quiroga
  • CPI de Castroverde
  • CEIP Pintor Antonio Fernández e CEIP de Sobrada de Tomiño