Esta semana explicamos que é o dereito ao esquecemento e revisamos a sentenza contra Google do Tribunal de Xustiza Europeo.
Hoxe preguntámonos que nos espera a partir de agora, cales son as consecuencias da sentenza e que debemos ter en conta os usuarios no tratamento de datos persoais.
Privacidade…, e dereito á información
O recoñecemento do dereito ao esquecemento na rede pode provocar que non se difundan informacións de interese público? Neste sentido, a xustiza europea foi moi clara: antes de aceptar peticións deste tipo terase en conta a natureza da información, como afecta á vida privada do usuario e o interese público que ten o dispoñer desa información.
No caso de Mario Costeja que recolliamos no post do mércores, a débeda coa Seguridade Social da que se informaba nas novas do xornal La Vanguardia xa non existía, polo que a información non tiña validez e perxudicaba á reputación de Mario Costeja.
Ser precavidos antes que solicitar o borrado de datos
Hai que ter moi en conta que a tarefa de limpar reputacións non é doada. O buscador non ten un control total sobre os datos difundidos na rede, aínda que o seu labor de indexación contribúe en gran medida á presenza dos contidos en internet.
Unha vez na rede, os datos poden replicarse e gardarse en servidores de todo o mundo polo que o borrado total convírtese nunha tarefa case que imposible. Hai empresas que se dedican a limpar a reputación dos seus clientes e que empregan técnicas como cambiar a orde na que os contidos aparecen nun buscador ou incluso crear contidos novos para que as informacións non desexadas baixen na lista de busca.
Coa sentenza o Tribunal di que o límite á liberdade de información está en toda aquela información que non concirne a ninguén máis que ao usuario. Tendo en conta a natureza de internet, a mellor solución é ser precavidos cando compartimos información persoal na rede.
Fonte BBC Mundo.


