Patíns eléctricos, que tipos hai e cal será a normativa?

Os patinetes eléctricos están a orde do día, ben pola polémica que apareceu nos últimos días polo seu uso, ben pola popularidade que están a comezar a ter entre as persoas que necesitan facer desprazamentos e queren esquecerse do coche.

O certo é que os vehículos de mobilidade persoal (VMP) son unha das mellores alternativas para moverse pola cidade se o que facemos son traxectos curtos. Aforras en combustible e non necesitas buscar aparcadoiro se o comparamos co coche. Pero que está a ocorrer con este tipo de vehículos? por que houbo tanta polémica? Explicámosvos todo.

O limbo legal

Os patinetes eléctricos, sexan do tipo que sexan, están agora mesmo no que podemos denominar un limbo legal. A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) non os considera vehículos, pero diferénciaos plenamente doutro tipo de solucións de mobilidade e, por suposto, dos peóns. A única acción que realizou a DXT é a instrución 16.V-214 publicada no ano 2016, onde non recolle ningunha norma e deixa aberto todo para que os diferentes concellos regularicen o seu uso.

Cal é o problema? Pois que a efectos prácticos os  VMP (Vehículos de Mobilidade Persoal) non están considerados vehículos, polo que en teoría (ao contrario que as bicicletas) non poderían circular pola estrada, pero nada se di doutras vías ou, mesmo, a beirarrúa.

A futura normativa da DXT

O Goberno e a DXT levan meses preparando unha nova reforma da Lei de Seguridade Viaria e, entre elas, atópase unha nova regularización para os Vehículos de Mobilidade Persoal. Segundo as informacións, os patinetes eléctricos non serán considerados vehículos a motor, pero si vehículos con propulsión eléctrica, polo cal a clasificación de vehículos (sen contar os coches) quedaría así:

  • Xoguetes: Patinetes de tracción humana ou pequenos dispositivos con motorización eléctrica que non teñan unha velocidade superior a 6 km/ h.
  • Vehículos de mobilidade persoal (VMP): Dispositivos con motorización eléctrica e velocidade máxima de 25 km/ h: monociclos eléctricos, patinetes eléctricos,  ..
  • Bicicletas e bicicletas eléctricas: con motor ou sen motor
  • Categoría L1e: Vehículos motorizados cunha velocidade máxima de 45 km/ h.

Que quere dicir esta clasificación? Pois que salvo os clasificados como xoguetes, o resto de vehículos de mobilidade persoal non poderán circular polas beirarrúas, e a un máximo de 25 km/ h. Se superan esa velocidade, serán de categoría  L1e e necesitarán matriculación e licenza para poder conducirse (ao contrario que os anteriores que non a necesitan).

Cando chegará esta nova normativa? Espérase que para mediados de 2019 estea aprobada e posta en práctica. Ata esa data, os usuarios deste tipo de vehículos terán que rexerse pola norma dada pola DXT e as normativas postas polos concellos onde se circule con eles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.