A Amtega concedía en outubro o premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre 2015 a Xoan Iago Suárez Canosa. O seu proxecto, unha aplicación web para a análise do comportamento humano en zonas transitadas. Detecta os obxectos e persoas que aparecen nun vídeo e aplica un algoritmo que mide o grao de anormalidade da súa conduta en base aos movementos que realizan.
O segundo premio foi para Pablo Grela Pallerio polo Sistema de xestión de asociados de CuacFM; sistema de xestión de socios que inclúe pagos a través de Paypal, remesas bancarias conforme á norma SEPA e pagos en efectivo. Ademais posúe un xestor de actividades como formación e programas.
Entre os finalistas había un proxecto de control de posicionamento de vehículos mediante Arduino, un sistema de atención neurolóxica con WebRTC –sistema base sobre o que as clínicas poidan ofrecer servizo de citas e revisións a distancia– e o deseño e implementación de coleccións paralelas en Java.
Sobre o premio
Esta é a VIII edición dunha iniciativa que busca o achegamento dos universitarios galegos ao software libre. O obxectivo é que coñezan esta tecnoloxía e que lles abra novas posibilidades de emprego.
A Amtega convoca o premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre entre os galegos, recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2015.