
Como se pode saber cantas persoas hai nunha habitación de maneira automática? Na actualidade a tecnoloxía dános sistemas de intelixencia artificial e identificación de persoas para facer estas contas, pero tamén hai outras maneiras máis orixinais e útiles de facelo. Hai uns días uns científicos da Universidade de Santa Barbara en California presentaron unha curiosa maneira: a través da sinal Wifi.
Como se pode contar o número de persoas nun lugar mediante a sinal Wifi? Pois debido á calidade da conexión. É dicir, sendo a Wifi un sinal inalámbrico, a presenza de persoas afecta á súa calidade xa que o corpo humano absorbe a onda, diminuíndo a súa intensidade e, por tanto, a súa calidade.
Segundo os investigadores, con tan só un router e un receptor poden facelo. E é que deseñaron un algoritmo que é capaz de facer unha aproximación de cantas persoas hai tan só medindo a calidade de sinal que recibe o receptor. Ao parecer, este curioso e novo sistema funciona con ata 20 persoas e case en calquera tamaño de habitáculo.
Que utilidade pode ter este sistema? Pois vai dirixido principalmente ao mundo da domótica. Grazas a este algoritmo reduciríanse custos na detección de persoas dentro dunha casa, polo que os sistemas poderían activar a calefacción ou o aire acondicionado (por poñer un exemplo) segundo haxa ou non xente na habitación, ou controlar a temperatura dependendo tamén do número de persoas que haxa. Desta maneira, os sistemas domóticos deixarían de depender de cámaras que identifiquen persoas, aforrando diñeiro en dispositivos e tamén evitando os problemas de privacidade que unha cámara que identifique persoas pode traer.

