En Xente Dixital escribimos en moitas ocasións sobre as Axendas Dixitais de Galicia 2014 e 2020, para a que pedimos ademais a vosa colaboración. A Xunta ven de aprobar a nova estratexia tecnolóxica de Galicia que contou, para a súa elaboración, coa participación de representantes das principais empresas do sector TIC da Comunidade, das institucións públicas e da sociedade civil.
A nova estratexia establece 20 desafíos en 5 liñas estratéxicas: valorización da Administración, énfase na vida dixital, aceleración da economía dixital, estímulo ao crecemento do sector TIC e Articulación dixital do territorio.
Valorización da Administración
A Xunta xa puxo en marcha o Plan de Administración e Goberno dixitais 2020 para saltar dende a Administración electrónica á Dixital. O obxectivo é ofrecer máis e mellores servizos dixitais, máis sinxelos e personalizados. A comunicación ten que ser bidireccional e a sociedade debe participar na definición das solucións TIC.
Por outra banda, contémplase a implantación de solucións Big Data, para transformar os datos xerados pola Administración en coñecemento útil.
Ademais, entre outras medidas, impulsaranse os servizos en mobilidade entre administracións, para empregados públicos e cidadáns. A interoperabilidade debe consolidarse como novo paradigma de relación entre administracións. A Xunta xa se constituíu en nodo de interoperabilidade entre as administracións galegas e o Estado.
Vida dixital
Aquí búscase dar resposta a catro desafíos: modelo educativo na contorna dixital, servizos dixitais avanzados nos ámbitos dos servizos sociais e a sanidade, e asegurar a inclusión dixital da cidadanía.
Continuarase co Proxecto Abalar: o libro dixital chegará a 27.000 alumnos no 2017 e potenciarase a participación dos docentes na creación de contidos. Na sanidade, as TIC servirán para deseñar servizos integrais adaptados ás necesidades dos distintos colectivos.
Por último, cómpre enfrontar o desafío da autonomía dixital para evitar a “segunda fenda dixital”. Pasamos da alfabetización á madurez dixital, facilitando que calquera persoa acceda a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
O próximo mércores falaremos de economía dixital, do sector TIC e da articulación dixital do territorio. Noutras palabras, como deben axudar as novas tecnoloxías, por exemplo, ao desenvolvemento do sector primario ou das empresas galegas? Que camiño debe seguir o sector TIC galego?