Día 3 – A gastronomía

O deseño desta xornada dos 21 Días co Galego e + correu a cargo do IES Francisco Daviña Rey.

 

O mundo da gastronomía esperta moito interese dentro da sociedade actual. Todos

queremos ser grandes cociñeiros e cociñeiras e sorprender os nosos convidados con

receitas canto máis innovadoras mellor. Este gusto pola cociña tradúcese en centos de

programas de televisión e radio onde a comida é a protagonista. Sirvan de exemplo os

programas como Larpeiros na TVG ou Masterchef no ámbito estatal.

 

Pero a gastronomía é moito máis, cómpre non esquecer que, alén de ser un entretemento, representa moitos outros valores. Por iso, podemos afirmar que a gastronomía galega, ademais de ofrecer unha gran calidade e variedade, é un dos elementos que forma parte da nosa cultura e que nos identifica como pobo.

Aínda que sexa un tópico, cómpre dicir que en Galicia se come moi, moi ben, xa que os nosos campos proporcionan unhas materias primas (vexetais ou animais) excelentes que foron moi ben aproveitadas desde tempos inmemoriais para crear uns pratos capaces de deleitar os padais máis exquisitos. Quen non se rendería ante uns callos, ou un lacón con grelos, unhas ameixas á mariñeira, ou o polbo á feira…

Nos últimos tempos púxose de moda a denominada nova cociña que incorpora novidades tanto nas técnicas como nos produtos. No seguinte vídeo, fragmento do programa Air Galicia, podemos asistir a unha situación onde o humor nace do contraste entre a cociña tradicional e a moderna. Entre riso e riso, fixádevos nos usos lingüísticos desta camareira e analizade a utilización que fai de galego e castelán.

 

BLOGS GASTRONÓMICOS

O mundo da cociña tamén está moi presente na web, xa que son numerosas as páxinas que nos ofrecen titoriais para realizar todo tipo de receitas, sexan da cultura que sexan. A pouco que busquemos, podemos atopar innumerables blogs ou canles de youtubeiros/as sobre pratos galegos. Deixámosvos aí unha pequena listaxe deles:

A casa das receitas

Bolboretas no bandullo

Contidos vexetais

Eu o que quero é xamón

Kukinhas

lareiras.gal

O graneiro de Amelia

Paparotas & Co 

Receitas para todos os días

 

Vexamos agora como os bolboreteiros Diana Fernández e David Díaz  de Bolboretas no bandullo, nos ensinan a facer a súas filloas.

 

 

TAREFA 1

Alumnas do IES Francisco Daviña Rey atrevéronse cos fogóns e prepararon unha sobremesa tradicional e á vez innovadora. Mirade  o vídeo e xulgade!

Agora tócavos a vós.

 

Que a afouteza do galego te acompañe!