Día 4 – O audiovisual galego. As series

O deseño desta xornada dos 21 Días co Galego e + correu a cargo do IES Otero Pedrayo.

Dentro do panorama audiovisual galego podemos dicir que as series son un dos pratos fortes. Xa tiñan sona en Galicia moito antes de se poñeren de moda coa chegada de plataformas como Netflix ou Prime.

Estes produtos televisivos triunfan no mercado internacional, véndenselles a televisións de Rusia, Dubai, Estados Unidos ou Portugal onde acadan éxitos de audiencia.

Os galegos en Internet temos a canle temática EnSerie que ofrece series de ficción da Televisión de Galicia, actuais e históricas, emitidas ao longo das súas case tres décadas de vida. Aí podemos atopar series míticas como Mareas Vivas ou Matalobos ao carón da última estrea Lobos e cordeiros.

Alumnado do IES Otero Pedrayo ofrécenos unha pílula informativa sobre este tema.

REFLEXIÓN 2

Hoxe tócache realizar a túa segunda gravación de reflexión.

Recorda que, nestes vídeos que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.

  • Como che foi o martes e o mércores?
  • Falas galego cada día máis?
  • Houbo algunha reacción curiosa ao teu redor?
  • Cales van ser os teus propósitos de mellora?