Día 5 – O audiovisual galego. Videocreación

O deseño desta xornada dos 21 Días co Galego e + correu a cargo do IES Antón Alonso Ríos.

Para representar a vitalidade do mundo do audiovisual galego optamos por presentar unha iniciativa cinematográfica cooperativa, o grupo San Roquiño de Goián (parroquia do concello de Tomiño).

Selo cinematográfico do Grupo San Roquiño.

 

Trátase dun colectivo formado por goianesas e goianeses que ten como obxectivo a elaboración de proxectos cinematográficos,  tratando sempre de recompilar a historia da súa parroquia e tendo en mente, sobre todo, acadar que as novas xeracións de goianeses e goianesas coñezan a historia da súa xente. Vexamos un pequeno vídeo sobre esta iniciativa cultural de carácter veciñal.

O cine é tamén en moitas ocasións unha arte que recolle elementos da literatura mediante a recreación cinematográfica de textos literarios (novelas, contos, lendas…).

Dende o IES de Tomiño queremos amosarvos algúns vídeos que realizamos partindo da novela Anagnórise de María Victoria Moreno, unha historia moi fermosa dun encontro durante unha viaxe en automóbil da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018.

TAREFA 2

Estes alumnos do IES Antón Alonso Ríos teñen algo que vos dicir.

As vosas adaptacións literarias deberán ter unha duración mínima de 2 minutos.

Podedes adaptar un fragmento dunha obra literaria coma nos vídeos de exemplo ou se non tamén podedes adaptar un poema.

Por se non o sabes…

Guión literario – Documento que recolle o contido en si do vídeo, as escenas, as accións e diálogos dos protagonistas.

Guión técnico – Documento que recolle a información que necesita saber o equipo para levar a cabo a gravación: decorado, audio, se haberá efectos especiais de audio, o tipo de iluminación, a posición da cámara, o encadramento…

Guión gráfico – Tamén chamado story board, é un guión realizado mediante gráficos, a través de viñetas tipo cómic. As ilustracións amósanse en secuencia co obxectivo de servir de guía para seguir a estrutura da película antes de realizarse ou filmarse.

Escaleta – A escaleta ou step outline é unha listaxe das escenas que compoñen o relato. Cada elemento da lista consta de unha ou varias frases que describen de xeito puntual o contido específico de cada escena.

Agora tócavos a vós.

 

Que a afouteza do galego te acompañe!

Etiquetas

,