Día 21 – Día Internacional da Lingua Materna, reflexións e cuestionarios de valoración
DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA
O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999. Nesta data tomamos conciencia da importancia que ten para o futuro da lingua, no noso caso do galego, manter a transmisión interxeracional e que as nais e pais de hoxe saiban que está na súa man pasarlles este legado aos seus fillos para que eles tamén poidan facer o mesmo no futuro e continuar coas mil primaveras para a lingua das que falaba Álvaro Cunqueiro.
Esther Estévez ten unhas palabras para nós neste día tan especial.
FALAMOS – REFLEXIÓN 3
Hoxe tócache realizar a túa terceira e última gravación de reflexión: neste caso trátase dunha reflexión especial coa que se pretende que realices unha análise xeral da túa participación no proxecto. Para iso queremos que fagas memoria e que lembres como comezaches.
Recorda que, nestas gravacións, que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.
1 Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego ou consideras que axudaches a que outras persoas mellorasen a súa competencia oral? Xustifica a resposta.
2 En caso afirmativo, coidas que aumentaría do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e dános ideas para mellorarmos.
3 Esta experiencia axudouche a coller soltura á hora de te desenvolveres diante dunha cámara?
4 En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.
Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral ou os logros que conseguiches con outras persoas?
Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?
Que nota che sae de media?
5 Atopaches algún atranco para falares en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explica cal ou cales foron.
6 As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.
7 Consideras que estás en situación de ser bilingüe? E de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.
8 Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?
9 Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?
10 Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a túa resposta.
11 Desexas dicir algo máis?
CUESTIONARIOS DE VALORACIÓN
Gustaríanos que unha vez rematases os 21 Días co Galego e +, realizases un cuestionario de valoración para nos axudares a mellorar este programa no futuro. Moitas grazas por colaborares con nós.
Preme no cuestionario do teu colectivo.
Cuestionario de valoración para o alumnado
Cuestionario de valoración para o profesorado
Cuestionario de valoración para a persoa coordinadora dos 21 Días co Galego e + no centro educativo