DÍA 13 – REFLEXIONAMOS II

Analizamos como nos vai

Xa vas pola metade dos 21 días co galego e +. Parabéns!

Seguro que es das persoas que se está implicando moito e tes aí o teu galego funcionando a tope. Hoxe é luns e tócanos reflexionar.

  1.  Fixácheste como guapeaches falando en galego? Como levas isto de falar sempre en galego? Está a ser como ti esperabas? Falas máis ou menos do que esperabas?
  2. Notas que falas máis galego dende que comezaches cos 21 días co galego e máis? Cando o falas? E cando non o falas?
  3. A xente fálache toda en galego cando ti lles falas en galego?
  4. Hai persoas que antes non che falaban en galego e agora si que o fan? Iso é normal porque o galego se multiplica nas bocas; canto máis o falas, máis cho falan tamén.
  5. Quen fala máis galego contigo? Quen te axuda máis a falar en galego? Regalar palabras é dos agasallos máis bonitos que pode haber; sería unha boa idea que a esa persoa hoxe lle deas unha súper aperta por regalarche a súa lingua. 
  6. Pasouche algún suceso ou cousa curiosa falando en galego dende que comezamos os 21 días?
  7. Estades vendo os vídeos todos os días? Cales foron os que vos gustaron máis sen contar o do voso cole?
  8. Que che están a parecer as actividades dos 21 días co galego e máis no teu cole? Que é o que máis che gusta?
  9. Se non falas galego, esta semana tes que pensar un propósito para ti para falalo máis.
  10. Pensade entre todas e todos que podedes facer na segunda parte do programa para mellorar o voso galego.
  11. E, se xa o falas, pensa en como podes axudar esas compañeiras ou compañeiros que teñen máis dificultades.

Lembra que todos podemos facer algo pola lingua!

Cantamos (para os máis pequechos)

O noso primeiro vídeo da semana é unha curtametraxe para cantar que nos conta que a gata Benita perdeu algo.

Este vídeo elaborado polo alumnado de 1º do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, Ponteareas (Pontevedra) gañou o 1º Premio na categoría 2 (1º e 2º de educación primaria), na XI edición do certame Nós tamén creamos!

Imos coñecer a gata Benita, a ver se dá atopado o que perdeu!

(Preme na imaxe para ver o vídeo)

Ao longo desta semana tamén imos falar destas cuestións

Propostas de realización voluntaria para as aulas:

B – As linguas no camiño do cole

1º ciclo – Dende que saímos da casa ata que chegamos ao cole fixámonos en que fala a xente. Que linguas escoitamos? A xente maior fala diferente ou fala igual ca nós? Notamos algunha diferenza? Por que será?

2º e 3º ciclos – Fixámonos nas linguas que vemos escritas dende que saímos da casa ata que chegamos ao cole nos sinais de tráfico, nos comercios etc. Xa na clase imos escribindo e analizando en que lugares vimos cada lingua e se existe algunha relación entre a lingua e o lugar onde aparece.

A – As linguas na miña familia

1º ciclo – Falamos sobre que linguas se usan nas nosas familias.

2º e 3º ciclos – Facemos as árbores de linguas das nosas familias.

Instrucións de elaboración:

  • Preguntamos na casa que linguas fala cada persoa da familia e como chegou a falalas.
  • Colocamos o seu nome na árbore e debaixo as linguas que fala.
  • Se unha persoa fala varias linguas, poñemos os nomes de todas as linguas e subliñamos a lingua na que fale máis.
  • Logo colocamos as follas coas árbores para facer o bosque de linguas da nosa aula.

 

Cantamos e bailamos (para toda a rapazada)

E para comezar a semana ben animados arrancamos coa canción “Superlingua” da banda galega de Rock&Roll A Gramola Gominola. Traémosvos a versión en Karaoke para que, aínda que non a coñezas, a poidas falar igual. A cantar e bailarrrrr!!!

(Preme na imaxe para ver o vídeo)