DÍA 14 – O VALOR DA IGUALDADE

Este martes imos ata o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos coles de Galicia onde estudan alumnas e alumnos de procedencias máis diversas. O seu alumnado vainos falar de igualdade a través de exemplos concretos de mulleres que están na súa contorna.

(Preme na imaxe para ver o vídeo)

 

Falamos

Agora falamos nós:
  • Lembrades cales son as profesións das mulleres que saen no vídeo?
  • Credes que hai profesións para mulleres e para homes?
  • Para vós que é a igualdade?
  • Nas vosas vilas ou cidades tedes algunha muller deportista como o caso de Águeda?
  • No voso cole, no patio, hai unha repartición en igualdade dos deportes? Practicades os mesmos deportes nenas e nenos? Se a resposta é negativa, por que credes que pasa iso?
  • Cantas mulleres deportistas galegas coñecedes? E actrices? E cantantes? E artistas?
  • Pareceríavos xusto ter peores condicións no traballo só polo feito de ser mulleres?
  • A verdade é que moitas veces ás rúas ou prazas das nosas vilas non se lles poñen os nomes de mulleres salientables.  Na vosa vila ou cidade tamén pasa?  Recoñécense os logros das mulleres igual que os dos homes?

 

Cantamos e bailamos

Temos moita marcha e a canción perfecta para o tema de hoxe chámase “Plumas amarelas”, un tema do grupo A banda da loba. O nome á canción vénlle polas lavandeiras reais, mais é tamén un canto á liberdade, unha homenaxe a todas as mulleres anónimas que, dende o cotián, loitaron para que nós hoxe poidamos ser quen somos e vivir como vivimos. Somos a un tempo herdeiras das súas conquistas e responsables de salvagardalas e seguir abrindo camiño para as xeracións vindeiras.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)