DÍA 15 – Mulleres pintoras na historia
No CEIP O Couto de Ourense están a traballar o achegamento á pintura e máis concretamente ás mulleres pintoras. Vexamos que nos ensinan no seu vídeo.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Se cadra non coñeces moitas pintoras galegas. Traémosvos un vídeo onde poderedes ver moitas obras de pintoras galegas que se moven lentamente para que poidades apreciar a súa beleza. Para saber cales vos gustan máis podedes erguer en silencio a man cando apareza unha obra que vos gusta moito.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Falamos
- Xa pasamos as dúas semanas. Como te sentes co teu galego tan cheo de forza e vigor?
- Que che pareceu o vídeo do Couto? Que foi o que máis che gustou del.
- A ti gústache pintar? Por que che gusta pintar? Que sentes cando pintas?
- Tiñas algún cadro favorito antes de ver o vídeo?
- Agora tócanos contestar a pregunta que nos fai o alumno do Couto ao final do vídeo cando nos di “Ti que pensas?”. Que che parecen todos os atrancos que tiveron que superar as mulleres artistas?
- Colabora para que estas mulleres non sexan esquecidas e teñan o lugar que merecen na nosa cultura. Pódelo facer dun xeito moi fácil: escolle unha delas, mira unha das súas obras e hoxe, cando saias do cole, fálalle a alguén e dille que cadro che gustou especialmente.
- Gustouche o vídeo coas obras das artistas galegas? E ti erguiches moitas veces a man durante o vídeo das pintoras?
- Lembras algunha pintura que che gustase máis que as outras?
- É moi importante que cando vemos unha obra de arte nos fixemos en quen a fixo porque sen o esforzo e a arte desa persoa a obra non existiría. Ti fixábaste nos nomes que aparecen nos cadros?
- Fronte á pintura e as outras artes, a lingua ten un superpoder. Adiviñades cal é? (Poñemos unha posible solución ao final da publicación)
Cantamos e bailamos
Superpoder da lingua
A lingua é a arte da palabra e non ten un único autor ou autora, senón que é a maior obra de arte porque a levamos todos na boca e facémola fermosa cada vez que falamos. Por iso é moi importante non dicir bocaladas ou grosarías para mantela ben fermosa.

