DÍA 16 – Eco Laxeiro: “Acción polo clima”
Hoxe vimos moi concienciados para protexer o planeta e por iso o CEIP Pintor Laxeiro de Vigo nos vai ensinar unha morea de accións que podemos facer polo clima.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Falamos
- E hoxe, que foi o primeiro que dixeches cando espertaches? A que é bonito espertar en galego!
- Fixácheste, no camiño ao cole, en cantas cousas estaban escritas en galego? Parecéronche moitas ou poucas? Como cres que podería haber máis?
- Vimos de ver que a rapazada do CEIP Pintor Laxeiro está moi comprometida co noso planeta. E ti tamén coidas o planeta?
- Vexamos se é verdade, dinos que accións fixeches polo clima entre onte e hoxe.
- Imos crear entre toda a aula unha listaxe de cousas que podemos facer polo clima na nosa vida cotiá.
Propostas de actividades
Ollade que propostas de actividades tan chulas nos traen os de Eco Laxeiro:
E que quererá o Digochiño?
Sabiades que o Digochiño quere ser ecoloxista de maior? Mirade o vídeo a ver que vos contan el e Esther Estévez na canción de Pablo Díaz.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Cantamos e bailamos
E coma todos os días, rematamos cantando e bailando unha canción de Uxía Lambona e a Banda Molona chamada “Verdescente” que nos fala da importancia de tratar ben a nosa terra e de coidala.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Protexe a lingua
As árbores, as plantas e as praias son parte do noso patrimonio natural e merecen o noso coidado para conservalas e que non desaparezan.
E a lingua? Pois a lingua forma parte do noso patrimonio cultural e tamén temos que coidala para conservala.
E iso como se fai? Iso éche a cousa máis fácil do mundo, para protexer o galego só fai falta unha cousa moi moi faciliña, que ti o fales.



