DÍA 20 – REFLEXIONAMOS III

Hoxe traemos un agasallo moi bonito para comezar a falar co galego. Chámase Libro da memoria, un proxecto que nace no CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela da man das mestras de educación infantil Fátima Rodríguez Eiroa e Rosa E. Suárez Veiga e que frutifica nunha publicación realizada coa colaboración da área de Didáctica da Expresión Plástica da Facultade de Ciencias de Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

(Preme na imaxe para ver o vídeo)

Para mestras e mestres, nais e pais e calquera outra persoa interesada, podedes descargar aquí o Libro da memoria en PDF premendo na imaxe.

_______________________________

Isto chega á súa fin, hoxe tócavos realizar a terceira e última reflexión antes da festa final de mañá para celebrar que o galego cada vez está máis vivo en nós.

Para educación infantil

Como pasastes a fin de semana?

Falastes en galego?

3 Cal foi o xogo que vos gustou máis?

4 Queredes que outra vez volvamos facer os 21 días co galego e máis no voso cole?

5 Hoxe cada unha e cada un de vós ten unha misión especial. Tes que escoller a túa palabra en galego favorita e debuxala nun papel ou nunha cartolina. Debaixo ponlle Fala galego comigo! e dálla á persoa que ti queiras para que fale galego contigo.

 

Para as pequenas e os pequenos 

Como pasastes a fin de semana?

Falastes en galego?

3 Esta experiencia axudouvos a coller soltura á hora de vos desenvolverdes falando en galego?

4 Atopastes algún atranco para falardes en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explicade cal ou cales foron.

5 Cal foi a actividade que vos gustou máis nestas semanas?

6 Que outra actividade vos gustaría facer para animarvos a falar en galego?

7 Queredes que outra vez volvamos facer os 21 días co galego e máis no voso cole?

8 Hoxe cada unha e cada un de vós ten unha misión especial. Tes que escoller a túa palabra en galego favorita e debuxala nun papel ou nunha cartolina. Debaixo ponlle Fala galego comigo! e dálla á persoa que ti queiras para que fale galego contigo.

 

Para a rapazada máis grande do cole

Como pasastes a fin de semana? Falastes en galego?

Atopastes algún atranco para falardes en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explicade cal ou cales foron.

3 (Pregunta de resposta individual) Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego ou consideras que axudaches a que outras persoas mellorasen a súa competencia oral?

4 (Pregunta de resposta individual) En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral ou os logros que conseguiches con outras persoas?

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?

Que nota che sae de media? Consideras que é boa en relación co teu esforzo?

5 (Pregunta de resposta individual) Consideras que estás en situación de ser galegofalante?

6 Cal foi a actividade que vos gustou máis nestas semanas?

7 Que outras actividades vós gustaría que houbese para animarvos a falar máis en galego?

8 E que actividades vos gustaría organizar a vós para o resto do alumnado que servisen para falar máis galego?

9 (Pregunta de resposta individual) Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?

10 Hoxe cada unha e cada un de vós ten unha misión especial. Neste mes de febreiro que acolle a Candeloria para festexar a amizade e o amor, decláralle nunha nota a túa amizade a alguén que sexa amiga ou amigo teu e remata a túa mensaxe poñéndolle o desexo Compartamos o noso galego.

 

Curtametraxe 

E como hoxe é un día especial, traémosvos unha historia marabillosa titulada A orixe da nosa lingua guapa que nos explica como foi nacendo a lingua galega. Esta curta foi unha idea da escritora Fina Casalderrey que todos coñecedes e ten como protagonistas a profesora Fátima R. Ruibal e o alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña baixo a dirección de Damián Varela nunha iniciativa da Real Academia Galega.

(Preme na imaxe para ver o vídeo)