Galicia e Norte de Portugal lanzan o proxecto AQUALITRANS para crear EDARs máis eficientes e sustentables

Galicia e o Norte de Portugal colaboran nun proxecto transfronteirizo que ten como principal obxectivo crear un modelo enerxético máis eficiente e sustentable para as EDARs (Estación Depuradora de Augas Residuais). Augas de Galicia, como beneficiario principal, presentou hoxe en Santiago, xunto cos seus socios, o proxecto denominado “AQUALITRANS. Sistema de Xestión e Control para a mellora da eficiencia na depuración e na calidade ambiental de augas a nivel transfronteirizo”.

AQUALITRANS é un proxecto de colaboración entre Augas de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Fundación Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI). O proxecto enmárcase no Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP).

O acto contou coa participación da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, así como dos representantes das cinco entidades que desenvolven o proxecto:Roberto Rodríguez, de Augas de Galicia; Ángel Bernardo, de INEGA; Frederico Vieira, de Águas do Porto; Carlos Calvo, de ITG; e Ricardo Barbosa, de INEGI.

Logo da presentación oficial tivo lugar un breve ciclo de ponencias na que os socios presentaron as súas achegas arredor do proxecto e as accións enfocadas á eficiencia das EDARs.

Retos do ciclo da auga

Na súa intervención a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, afirmou que AQUALITRANS é un proxecto prioritario par a Xunta de Galicia e lembrou que garantir o abastecemento e saneamento de calidade é un dereito da cidadanía no que o Goberno galego traballa a diario. Mato asegurou que se avanzou moito nos últimos anos na mellora da eficiencia enerxética das EDARs, pero lembrou que aínda son moitos os retos que existen neste eido.

Beatriz Mato quixo tamén lembrar a longa traxectoria de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal e asegurou que a suma de esforzos fai posible obter un coñecemento beneficioso para todos.

Na súa intervención Ángel Bernardo, de INEGA, destacou o valor da auga, un elemento de interese e máxima preocupación mundial para a sociedade, pola súa escaseza e pola necesidade de garantir a súa calidade. Por isto, afirmou que iniciativas como AQUALITRANS son estratéxicas porque permiten avanzar en materia de calidade das augas, ampliar a súa vida útil e mellorar a eficiencia enerxética vencellada ao seu uso.

Pola súa banda, Frederico Vieira, de Áugas do Porto, quixo tamén destacar a importancia do proxecto AQUALITRANS como un programa de gran valor para Galicia E Norte de Portugal. Asemade, explicou que o coñecemento obtido deste proxecto permitirá implantar melloras enerxéticas no proceso de depuración, sen perder calidade nesta fase que tanta importancia ten para a sociedade.

Durante a súa intervención, Carlos Calvo, de ITG, subliñou que AQUALITRANS é unha iniciativa coa que se desenvolverá o proxecto de xestión das EDARs do futuro, máis eficientes e máis sustentables. Ademais, recalcou que o carácter multidisciplicar desta iniciativa permitirá abordar en detalle a problemática das EDARs en Galicia e Portugal, espazos que comparten importantes masas hídricas.

Tamén tivo palabras para o proxecto AQUALITRANS Ricardo Barbosa, de INEGI, quen fixo especial fincapé na importancia que esta iniciativa ten polo seu valor social, económico, enerxético e ambiental. Barbosa lembrou que o ciclo da auga ten grandes retos a mellorar, desde a captación ata a depuración co obxectivo final de garantir a sustentabilidade do proceso e do recurso.

Proxecto AQUALITRANS

O obxectivo principal do proxecto AQUALITRANS é mellorar a eficiencia enerxética do proceso de depuración de augas residuais nas EDARs (Estación Depuradora de Augas Residuais), asegurando en todo momento a calidade da auga tratada; acadando mellores rendementos de depuración, menores consumos enerxéticos e emisión de CO”; e disminuíndo os problemas nos procesos.

AQUALITRANS xorde do compromiso das Administracións públicas para buscar un modelo enerxético eficiente e sustentable para as EDARs, co que contribuír aos obxectivos xerais de desenvolvemento sustentable e protección ambiental aos que aspiran España e Portugal.

EDARs sustentables

O proxecto AQUALITRANS consistirá na elaboración inicial dun estudo de investigación sobre o consumo enerxético en diferentes EDARs de Galicia e Norte de Portugal; e no posterior desenvolvemento dun proxecto piloto en EDARs seleccionadas, donde se implantarán as medidas de optimización enerxéticas derivadas do estudo. Esta análise teórica e práctica permitirá dispoñer dun modelo aplicable ás depuradoras, co que crear EDARs máis eficientes enerxéticamente e máis sustentables.

As EDARs que participarán na fase inicial do proxecto son, por parte de Galicia, as situadas nos municipios de Nigrán, Soutomaior (Arcade), Vilaboa, Gondomar, Tomiño, Ortigueira, Ares, A Pobra do Caramiñal e Ribadeo. Por parte de Portugal estudiaranse as situadas nos municipios de Porto (Freixo e Sobreiras), Barcelos, Vila Real, Lousada (Sousa), Amarante (Ponte de Baia), Vila do Conde (Ave), Guimarães (Serzedo), Lamego e Vila Verde (Cávado Homem).