Xistra, unha pinga de auga, achega ós máis cativos os segredos do río

Como parte da estratexia de comunicación do PEDARPSI (Plan Estratéxico de Divulgación das Areas de Risco Potencial Significativo de Inundación), Augas de Galicia elaborou o vídeo “Aventura dunha pinga” co obxectivo de acercar ós máis cativos a importancia da dinámica fluvial no medio ambiente e crear conciencia sobre a natureza das inundacións, a importancia da vexetación de ribeira e a da planificación urbanística na prevención de danos en episodios de inundacións.

Da man de Xistra, unha pinga de auga, os nenos e nenas coñecen o ciclo natural da auga, ven cómo se crean os ríos, e o rol fundamental que  as chairas de inundación e as ribeiras xogan na dinámica fluvial. Na viaxe con Xistra aprenden que as inundacións son naturais e necesarias para o equilibrio do sistema fluvial, aínda que en ocasións poden resultar perigosas para nós, polo que é preciso saber como actuar nestes casos.

Un dos obxectivos prioritarios de Augas de Galicia é incrementar a concienciación sobre o risco de inundación, orientado a mellorar a conciencia pública na preparación para as inundacións, incrementar a percepción do risco de inundación e as estratexias de autoprotección na poboación, os axentes sociais e económicos.