TODOS OS CAMIÑOS LEVAN A SANTIAGO…TAMÉN O DE INVERNO

 

   O Camiño de Inverno é unha ruta de peregrinación a Santiago elixida no medievo por moitos peregrinos para entrar en Galicia, sobre todo na época invernal, evitando así os cumios nevados do Cebreiro e as conseguintes dificultades que a neve e a friaxe conlevan, amais da dificultade orográfica.
O Camiño de Inverno, que segue unha antiga vía xa utilizada polos romanos, ten unha lonxitude duns 235 km e percorre as catro provincias galegas. Segue practicamente o curso natural do río Sil polas comarcas de Valdeorras e Quiroga, continúa pola comarca do Deza (Pontevedra) e chega a Compostela. En total, algo menos de 250 kilómetros polas catro provincias galegas.
Esta ruta foi utilizada ao longo da historia: os historiadores sitúan a súa orixe na época romana (está documentada unha calzada secundaria que partía das explotacións auríferas das Médulas cara a Vía XVIII e que pasaba pola comarca de Valdeorras e Quiroga. O túnel romano de Montefurado, situado no noso concello, é unha proba disto). Esta ruta serviu de entrada, a comenzos do século XIX, ás tropas invasoras de Napoleón, e por ela en 1883, comezou o trazado do ferrocarril que comunicaría Galicia co resto da Península.
En abril de 2016 apróbase a la Lei de patrimonio cultural de Galicia no Parlamento galego que outorga ao Camiño de Inverno a oficialidade e polo tanto, equipárao ás demais rutas xacobeas xa existentes. Esta oficialidade entrou en vigor en agosto de 2016 e supón o paso definitivo para o recoñecemento dunha ruta histórica percorrida desde os tempos do medievo.
Con toda esta bagaxe histórica e cultural, consideramos crucial que o noso alumnado tome conciencia do patrimonio que temos no concello arredor desta ruta xacobea, conciencialos da súa conservación e difusión, e do valor cultural da nosa identidade.

   Para ver as actividades que o CEIP de Quiroga leva realizadas ata este momento para concienciar ao alumnado e á comunidade sobre a difusión e conservación do patrimonio ao redor desta ruta xacobea, pódense consultar os seguintes enlaces:

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipquiroga/node/792

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipquiroga/node/798