A escola no tempo dos avós

Este Nadal aproveitamos para achegarnos ao noso patrimonio inmaterial e conversarmos con nosos avós e avoas ao redor da escola e o ensino, para recoller a memoria colectiva sobre o mesmo e tamén establecer comparanzas entre aqueles tempos e o noso presente.

As conversas permitíronnos viaxar no tempo e imaxinar a infancia dos nosos maiores, así como decatarnos das moitas diferenzas entre os anos 50 ou 60 do século pasado e a actualidade.

En primeiro, o tempo de escolarización era moi inferior a hoxe en día, xa que os nosos avós comezaban a súa etapa escolar aos seis anos e nós facémolo, polo común, aos tres. Respecto do remate, poucos dos nosos maiores continuaron a estudar despois dos doce ou catorce anos de idade. Case sempre, a escola era o paso previo para empezar a buscar traballo, con doce ou catorce anos.

Ate hai uns 40 anos había pequenas escolas nas aldeas, atendidas por un mestre para os nenos e unha mestra para as nenas. Ademais os nosos avós tiñan que ir a pé, xa que daquela non existía o transporte escolar gratuíto, e intentar non mollarse nos días de chuvia era unha tarefa especialmente complicada.

Unha vez na escola, había xornada de mañá e de tarde, polo xeral a sesión matinal comezaba ás 10:00 h e as clases remataban ás 13:00. Logo do descanso de mediodía, a xornada de tarde ía de 15:00 a 17:00 horas.

Na maior parte dos casos, aos nosos avós e avoas sucedíalle que non podían asistir sempre a clase, aínda que quixeran, pois era moi común que tiveran que quedar na casa a axudar á súa familia: coidar de irmáns pequenos, coidar do gando, axudar nas tarefas domésticas ou traballar no campo facían que a asistencia regular á escola fora unha excepción nos seus tempos.

O feito de que as escolas estiveran segregadas facía que o ensino das nenas estivera máis enfocado ás tarefas domésticas, formando parte só da escola feminina as tarefas domésticas ou a costura.

En canto ás relacións entre profesorado e alumnado, eran as propias establecidas pola propia ditadura establecida en España naquela época, sendo en xeral autoritarias, aínda que dependía moito do talante persoal de cada mestre como era o trato cos seus alumnos e alumnas.

En canto ao material escolar, estaba tamén na liña coa realidade material daqueles tempos. Nas aulas, polo xeral, o material limitábase a un encerado e algún mapa. Para escribir, cada alumno tiña unha pequena pizarra e o mesmo libro contiña o temario de todas as materias do curso, era a chamada enciclopedia escolar: matemáticas, xeografía e historia, lingua castelá, relixión. Por suposto, enfocadas a instruír na ideoloxía do réxime político da época: o franquismo.

O recreo era o tempo de lecer que desfrutaban os nosos avós e avoas. O patio era o lugar para os xogos, os mesmos que se desfrutaban na rúa, moi distintos dos videoxogos e os deportes de competición que absorben hoxe en día o noso lecer: estornela, corda, pelouros, trompo, bolichas, pelota…

 

Polo xeral, os nosos avós e avoas medraron nun mundo no que a precariedade do día a día facía da escola algo máis secundario na vida das súas familias, xa que había moitas máis necesidades, por iso en xeral sente pena de non poder estudar máis tempo, xa que están convencidos de que iso lles axudaría na súa vida.