Alvarizas, un ben singular na Ribeira Sacra

“Alvarizas, un ben singular na Ribeira Sacra” é un proxecto no que o alumnado de 3º ESO e do Ciclo Superior de Turismo están a traballar no presente curso 2022-2023.

Empezamos a traballar polo mes de novembro facendo unha enquisa moi sinxeliña sobre as alvarizas (“Sabes que é unha alvariza? “De ser afirmativa a túa resposta, explica que é”) e o seu resultado axudounos a ver a necesidade de facer este estudo. Primeiro a enquisa realizóuselle ao alumnado que participa neste proxecto e, dun total de 51, só dous alumnos/as do Ciclo de Turismo responderon afirmativamente e souberon explicar que era unha alvariza. Á semana seguinte fíxoselle a enquisa ao resto do alumnado da ESO, Bacharelato (diurno e nocturno), cursos de Educación Secundaria de Adultos -que tamén as levaron para a casa para que as cubrirán as familias-;  pero o resultado pouco variou. En total realizáronse 215 enquisas a menores de 18 anos, e nelas só dúas persoas responderon correctamente. En canto ás realizadas a partir dos 19 anos (un total de 71) o número aumentou ata 9 persoas.

Esta actividade de ir aula por aula facendo as enquisas  gustoulles moito aos alumnos/as.  Algúns deses momentos quedan recollidos nas seguintes fotos:

A partir dese momento o alumnado comezou coa tarefa de buscar información sobre as alvarizas para elaborar un traballo que terán que exponer aos compañeiros doutros cursos nas últimas semanas do mes de maio. Para axudarlles nesta tarefa, durante a 2ª avaliación, realizáronse as seguintes actividades:

– En febreiro tivemos a primeira charla sobre as alvarizas con Alfonso Iglesias, apicultor da zona de Ourense e dono da empresa Melsacra. Para máis información premer na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/centros/iesriocabe/node/1919

-En marzo fomos de excursión ao concello de Nogueira de Ramuín (Ourense) para visitar a alvariza de O Vello, o mirador Pé do Home, a sala de envasado de Melsacra (situada en Luintra) e sentarnos no Mellor Banco da Ribeira Sacra. De novo, puidemos contar coa compaña e as explicacións de Alfonso Iglesias. Ligazón: https://www.edu.xunta.gal/centros/iesriocabe/node/1961