Arte nos libros: Luís Seoane

O día 25 de abril na Axencia de Lectura de San Sadurniño, Crearte Servizos Culturais propúxolles aos nenos e nenas de 10-11 anos un xeito distinto de descubriren a obra dun dos persoeiros fundamentais da nosa cultura. Nado en 1910 na Arxentina como fillo da emigración, Luís Seoane pasou a súa mocidade e xuventude en Galicia nun dos momentos de maior fervenza creativa. Unha época truncada pola Guerra Civil que o obrigarían a retornar á súa terra natal, desde onde continuaría sementando o galeguismo político e creativo. Escritor, avogado, xornalista, activista, ceramista -impulsou con Díaz-Pardo o Laboratorio de Formas do que xurdiría a segunda época de Sargadelos-, pintor e ilustrador… Seoane xuntaba nunha mesma persoa múltiples facetas que exerceu implicado en ducias de proxectos.
Á rapazada falóuselle principalmente da súa obra pictórica e de como contribuiu aos “ismos” gráficos coas súas cores planas e trazos en movemento, reflectindo en todo momento a Galicia máis desfavorecida, a mesma á que axudaba e defendía nos seus tempos de avogado mozo na Coruña antes do golpe de estado do 36.
A sesión, planificada seguindo a técnica do descubrimento guiado, rematou cunha actividade de creación, na que os nenos e nenas emularon o estilo de Seoane empregando cartolinas, tesouras e pegamento de barra.






