28/09/2020
Venres 25 de setembro, 18.00h. Salón de actos da Casa da Cultura: Obradoiro “22 segundos” con Eva Mejuto.
Orientado a adolescencia e mocidade, este obradoiro participativo aborda a historia do colectivo LGTBIQ co obxectivo de que a xente máis nova interiorice que o mundo é un lugar diverso onde todas as opcións, todos os xeitos de ser e sentir teñen -deben ter- cabida e ser respectados.
O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase. ” Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá -ou non quererá comprender- nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas… E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son. ” Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. ” 22 segundos ” relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe -sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis -e a sociedade- deixen de consideralas enfermas
.
Séguenos