“A ciencia é divertida”, na biblioteca municipal de Lalín
Con motivo do Día das Bibliotecas Escolares e mais do Día da Ciencia en Galego, a Biblioteca Municipal “Varela Jácome” de Lalín acolleu o pasado 21 de outubro a actividade “A ciencia é divertida”, de Nita, dentro do programa da Xunta de Galicia “Ler Conta Moito”. Foron dúas quendas, a primeira para nenos e nenas de 2 a 5 anos, e a segunda para cativos e cativas de 6 a 9 anos; en total, 41 rapaces e rapazas puideron experimentar como a ciencia está presente na súa vida e foron capaces de comprobar que o proceso de aprendizaxe pode ser tamén un proceso divertido.






