Día do Libro en Brión con “A bibliotecaria estrafalaria 2.0” e Cris de Caldas


Hoxe, Cris de Caldas acompañounos nun serán moi especial para conmemorar connosco o 23 de abril, data na que celebramos o Día do Libro os Dereitos de Autor. E que mellor que facelo coa maxia dos libros e as historias que atesouran en compañía da “Bibliotecaria estrafalaria 2.0”
Unha sesión contacontos familiar, especialmente dirixida a crianzas dende os catro ata os doce anos de idade. Cris de Caldas veu acompañada por Candelaria, a bibliotecaria estrafalaria, a que máis sabe de contos sorprendentes, ás veces soña co París dos surrealistas pois namorou dun dos seus lemas “máis xogar e menos pensar”. Outras, soña con ser o Alicia e levar un sombreiro tolo…pero sempre rodeada das historias máis sorprendentes e dos libros máis alucinantes.
Un divertido espectáculo organizado pola biblioteca municipal que contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. Grazas por asistir e feliz Día do Libro!




