“As aventuras de Mariñas” contáronse en Ribeira
O 4 de maio, sábado, comezamos a programación infantil e familiar do Maio Cultural 2024 cunha proposta de narración oral e monicreques que nos encantou.
Comezamos xuntándonos na sala de exposicións. Nais, pais, tíos, tías, avoas, avós, nenas e nenos estivemos a mirar as obras penduradas nas paredes, buscamos distintas escenas, cores e texturas. Encantounos coñecer esta nova mostra cos cadros da “Bienal de pintura Elixo Atlántico”. E despois da pintura fomos xa cara ao teatro no salón de actos.
“As aventuras de Mariña” de Galeatro encheron o Centro Cultural Lustres Rivas de ilusións, amizades, compromisos, fantasía… A voz da protagonista, interpretada maxistralmente por Alba Bermúdez, levounos ao mundo da infancia, a poñerlle nome a un peixe amigo, a conversar con Xarda e nadar con ela. E tamén a facer unha orquestra no fondo do mar e cantar a berros coma a gaivota, ou tocar o tambor coma o polbo, todo sempre baixo a dirección de Mariña, a nena que fala cos peixes.
Despois de escoitar os contos e facer música rematamos compartindo ideas para que non haxa plásticos nin lixo ningún no mar. Se todo o mundo colabora ímolo conseguir!
Moitas grazas Alba de Galeatro, encantounos a función.
Ao rematar fomos coller os nosos libros favoritos á Biblioteca Pública Municipal de Ribeira
Vémonos nos contos porque Ler Conta Moito!





