Cris de Caldas en Ribeira!
Este sábado 3 de maio veu Cris de Caldas onda nós para contar historias de mulleres e de nenas.
Xa o título “A conto delas”, que así se presenta no catálogo Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, fai que poidamos reflexionar sobre a igualdade na que xa van criadas as nenas e os nenos de hoxe en día. Pero hai que estar sempre con mil ollos, sempre reivindicando, sempre atendendo…
Xuntámonos coma sempre na sala de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas, moitas familias xa viñades de coller libros na Biblioteca Pública Municipal de Ribeira. Saudámonos, xogamos un pouco, puxemos as chapas do galego para recordar que o noso idioma está pegado ao corazón, e incluso aprendemos un cantar de colo, que non hai cousa mellor para levar para a casa que un cantar.
Titiritiñas, titiritiñas
o que non come
non ten barriguiñas.
Titiritiñas, titiritolas
o que non come
non ten… Barrigolas!
E de aí fomos escoitar os contos, cantares e xogos de Cris De Caldas. Moito nos gustou gañarlle ao lobo! E máis aínda saír con ben fronte ao boticario trampón… E a canción coas letras na lingua de signos. E o conto do bater do corazón no peito das nais bum, bum; bum, bum; bum, bum…
Moitas grazas polo teu magnífico traballo, Cris de Caldas!
Vinde aos contos porque Ler Conta Moito!





