ÉXITO NA 1º XORNADA DE CAPACITACIÓN TÉCNICA DO PROXECTO AQUALITRANS
O Ente Público Augas de Galicia organizou a primeira xornada de capacitación técnica do proxecto AQUALITRANS, desenvolta nas instalacións da EDAR de Punta Avarenta en Ares, que contou con 27 asistentes, entre os que se atopaban xestores de EDARs (administración e/ou empresas privadas).
Esta sesión de carácter eminentemente técnico tivo como obxectivo a capacitación de profesionais relacionados coa xestión de estación de depuradoras de augas residuais.
A xornada comezou ás 10:00 h coa recepción de asistentes, e contou con 5 módulos formativos: o primeiro relatorio foi realizada por parte do INEGA, describindo o potencial de eficiencia enerxética das EDARs. En segundo lugar, o ITG presentou as ferramentas web para a xestión avanzada de EDARs. Posteriormente, INEGI expuxo os plans de mellora enerxética de EDARs e para concluír, Augas do Porto e Augas de Galicia mostraron as experiencias piloto en Portugal e Galicia.
A capacitación realizada incluíu unha visita guiada á EDAR de Ares na que o público asistente puido ver de primeira man as melloras implantadas na devandita EDAR.
Esta primeira formación enmárcase na actuación do proxecto 4.3, que contempla a capacitación de profesionais sobre os que se pretenden mellorar as súas competencias en relación con medidas ao redor da eficiencia das plantas.
Está prevista a celebración de tres xornadas máis nas seguintes datas: 13 de novembro en Porto, 20 de novembro en Nigrán e 27 de novembro en Porto.
FOTOGRAFÍAS DA XORNADA: