As inundacións, un fenómeno natural e necesario

Sabías que os desbordamentos dos ríos son procesos naturais imprescindibles para manter en bo estado os ecosistemas dependentes da auga?

Aspectos como a boa saúde da vexetación de ribeira, a conexión coas augas subterráneas, a correcta dinámica de sedimentos e a fertilidade dos terreos colindantes dependen dos procesos naturais de enchentes e desbordamento dos cauces.

Por que se producen os desbordamentos?

Entre as causas máis habituais na demarcación hidrográfica de Galicia Costa, destacan as precipitacións intensas. Cando chove con forza e se dan unhas condicións de humidade do solo determinadas, prodúcense importantes escorras que se reflicten nun aumento rápido das aportacións de auga que chegan aos cauces.

Por que se son fenómenos naturais ás veces rematan en catástrofe?

Na actualidade as inundacións constitúen a principal causa de catástrofe natural en Europa e en España. Pero a culpa non é dos ríos. Factores como a ocupación de zonas naturalmente asolagables por industrias e edificacións, o incremento da impermeabilización das concas hidrográficas, a presenza de infraestructuras de drenaxe de pouca capacidade hidráulica ou de obstáculos que interfiren nos procesos naturais de trasporte de caudal e de laminación, son responsables deste feito.

A ocupación do espazo fluvial e das zonas naturalmente inundables por parte das diferentes actividades socioeconómicas provoca unha exposición e un incremento do risco e das perdas económicas.

Intentando facer mellor as cousas

Enfrontámonos ao reto de conseguir un equilibrio entre o mantemento da dinámica natural do río e a actividade humana, garantindo os servizos ecosistémicos que nos proporcionan os cauces (subministro de auga, regulación de secas, inundacións e pragas ou soporte de servizos de ocio).

Na actualidade, as solucións para diminuir os riscos asociados ás inundacións buscan unha recuperación do espazo natural dos cauces e o equilibrio da conca de aportación, adquirindo especial importancia as solucións baseadas na ordenación do territorio e o urbanismo, a predicción de avenidas e a autoprotección.

Historicamente, as solucións adoitadas, baseábanse na execución de obras de protección tales como canalizacións ou construción de motas e defensas lonxitudinais. Aínda que se trataba das únicas solucións posibles nalgúns casos, tratan de evitarse a día de hoxe ao implicar unha perda da naturalidade e dificultar a consecución do bo estado das masas de auga e o cumprimento dos obxectivos medioambientais da Directiva Marco da Auga.

Coa intención de contribuír a incrementar a concienciación sobre o risco e mellorar a preparación para as inundacións, desde Augas de Galicia estamos a executar unha estratexia de comunicación naquelas zonas catalogadas como Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación,  coñecidas polo seu acrónimo de “ARPSIs”. Máis concretamente, traballaremos naquelas ARPSIs de maior perigosidade e risco, que constitúen ubicacións especialmente vulnerables á inundación e que merecen especial protección. As accións a desenvolver,  recóllense no “Plan Estratéxico de Divulgación das ARPSIs”, e contempla:

  • Instalación de elementos de sinalización específicos
  • Realización de actividades divulgativas en centros de ensinanza primaria
  • Desenvolvemento de accións de comunicación no entorno dixital