Protexer os ríos

Cando falamos de que os humanos, e en definitiva, tódolos seres vivos, somos auga, é que en realidade dúas terceiras partes do noso corpo están compostas dela.

A auga que consumimos no noso día a día proven dos ríos, non obstante, sabías que soamente un 2,5% de todo este recurso no planeta é auga doce? Desa porcentaxe, unicamente un 1% discorre polas cuncas hidrográficas en forma de regatos, ríos, lagos, lagoas e outras masas superficiais de auga. Sen dúbida son cifras alarmantes que indican que o recurso hídrico non é unha fonte de subministro inesgotable, por iso temos que coidar da nosas augas.

 

Como coidamos dos ríos en Augas de Galicia?

Como xa contabamos en “Onde vai a auga que empregamos na casa?“,  esta auga doce que consumimos tomámola directamente dos ríos e pasa por diferentes estacións para que sexa tratada:

  • Estacións de Tratamento de Auga Potable (ETAP), antes do seu consumo
  • Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) tras empregala nos nosos fogares. Así coidamos que as augas non cheguen con contaminantes á súa volta aos ríos.

Sen embargo, as accións que executamos en Augas de Galicia van máis aló. Mediante a conservación e a restauración fluvial, levamos a cabo diversas tarefas de mellora e limpeza nas canles dos ríos, retirando a madeira morta, as árbores a piques de caer, as pólas e outros elementos que poidan producir atoamentos nos ríos. Así facilitamos que a auga discorra libremente protexendo as condicións naturais dos ecosistemas, coidando dos aspectos medioambientais e de uso social que se producen no entorno fluvial, sendo respectuosos en todo momento.

 

Que podemos facer na nosa vida cotiá para protexer a nosa auga?

Detrás de cada uso que lle das a auga hai un gran labor, un esforzo diario por devolvela á natureza e conservar a riqueza natural da nosa terra. Protexer, coidar e manter as nosas augas depende de nós.

É moito o que podemos facer por conservar este valioso e importante recurso. Moito máis valioso que calquera enerxía ou combustible. Sen auga non poderiamos sobrevivir e non habería Terra.

 

Que podemos facer ante esta situación?

Con pequenos xestos diarios podemos coidar e protexer os nosos ríos tanto na casa como cando imos a gozar deles na natureza.

É moi importante que cando se visiten os ríos pensemos na súa preservación coidando o seu contorno e gozando deles con responsabilidade. As ribeiras non son vertedoiros, temos que deixalas sen lixo e levar os residuos ao contedor ou punto limpo. Porque coidar dos ecosistemas que temos preto é un labor que todos podemos facer.

Non esquezamos tamén que as accións que realizamos nos nosos fogares afectan directamente aos nosos ríos. O desaugadoiro da cociña non é un vertedoiro, vertendo aceite polo sumidoiro dificultase a tarefa de depuración da auga, que permite devolver ao medio a auga en condicións. É moi importante non verter os líquidos polo desaugadoiro pero tampouco botalos directamente á terra, xa que poden chegar a contaminar pozos e acuíferos.

Coa adopción de boas prácticas na nosa vida cotiá e sendo respectuosos co medio podemos contribuír á conservación e protección dos nos ríos e aforrar tamén no noso consumo. Porque cada gota de auga conta.