Que é a xestión sostible da auga?

A auga é un recurso vital para o noso planeta e a vida que nel habita. Preto do 71% da superficie da terra está cuberto de auga. Sen embargo, tan só o 3,5 % da auga global, que atopamos nos ríos e lagos, é adecuada para o seu consumo. Por este motivo, é moi importante xestionala de xeito adecuado e empregar prácticas que sexan sostibles e non prexudiquen ao medio ambiente.

A xestión sostible da auga supón a existencia dun sistema de planificación e xestión do recurso que garanta o seu subministro en suficiente cantidade e calidade óptima para asegurar o desenvolvemento da sociedade e da súa economía. Na actualidade a auga vese ameazada pola contaminación e polo cambio climático, polo que é preciso tomar conciencia da necesidade de xestionar de xeito eficiente os recursos hídricos, garantir a súa calidade e evitar a súa degradación para non poñer en risco a súa dispoñibilidade nun futuro.

Reducir o seu consumo nos nosos hábitos, fomentar o emprego de enerxías renovables, optimizar os procesos de produción dos produtos ou reciclar a auga son prácticas que nos axudan a coidar e preservar este recurso imprescindible para a nosa vida.

Augas de Galicia, da man da sostibilidade

En Augas de Galicia traballamos continuamente na mellora da xestión da auga en tódolos procesos do seu ciclo, e apostando por proxectos sostibles que nos permitan coidar e protexer o recurso, como o noso recente proxecto Innovaugas 4.0, que persigue a xestión avanzada dos recursos hídricos galegos.

Innovaugas 4.0 é un proxecto de Augas de Galicia cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER). Este programa basease nunha xestión integrada da auga que de resposta aos seus diferentes usos, respectando ao medio natural e aos ecosistemas fluviais, e atendendo aos escenarios que xorden como consecuencia do cambio climático.

O modelo de xestión da auga non só inflúe no entorno medioambiental, senón tamén na esfera social e na económica. O proxecto Innovaugas 4.0 busca mellorar e innovar a xestión dos recursos hídricos, concienciar sobre o cambio climático á cidadanía e incorporar á xestión do ciclo integral da auga un modelo de economía circular.

Nos últimos anos Galicia avanza cara á sostibilidade con importantes proxectos ademais de Innovaugas 4.0. No ano 2014 puxemos en marcha AQUALITRANS, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética no proceso de depuración das augas residuais nas EDAR, sen prexudicar a calidade da auga. Mellorando o rendemento, reducindo o consumo e as emisións de CO2.