Que sabemos das mulleres medievais na Ribeira Sacra? Revisando a nosa historia

O día 1 de xuño de 2021 o investigador do IEGPS Miguel García Fernández impartiu a conferencia titulada “Que sabemos das mulleres medievais na Ribeira Sacra? Revisando a nosa historia”. Na súa interesante intervención desmontou varios dos mitos que están moi asentados na conciencia colectiva da sociedade con respecto ás mulleres da Ribeira Sacra no período medieval. Se ben é certo que das que pertencían a un status baixo non temos moitos rexistros documentais, existen bastantes textos notariais que nos dan información de mulleres nobres laicas ou ben relixiosas dese momento. A diferenza do que poderiamos pensar, as mulleres medievais podían herdar, facer compras, vendas, doazóns… e foron bastantes os mosteiros femininos da Ribeira Sacra que estiveron liderados por unha abadesa, tales como: San Fiz de Cangas (Pantón), San Miguel de Eiré (Pantón), San Xoán da Cova (Carballedo), Santo Estevo de Chouzán (Carballedo), Santa María de Pesqueiras (Chantada), San Xiao de Lobios (Sober), Santa María de Ferreira de Pantón e San Salvador de Sobrado de Trives. Polo tanto, advertimos que a historia debe ser estudada e comprendida tendo en conta a importancia feminina, aínda que estivo durante décadas moi esquecida.

Esta actividade enmárcase dentro do Proxecto “Voces, espacios y representaciones femeninas en la lírica gallego-portuguesa”, dirixido pola profesora da USC Esther Corral.

Deixámosvos algunhas fotos da intervención por videoconferencia e as reflexións que realizaron sobre a actividade algúns dos alumnos/as:

Na charla explicóusenos que a sociedade medieval era desigualitaria, na que influían moito os condicionantes de xénero.

As principais opcións das mulleres eran o matrimonio e a entrada no mundo relixioso. Pero as mulleres medievais actuaban no seo da sociedade, xa que traballaban, mandaban e se divertían.

O relator investigou o papel da muller na Idade Media con fontes escritas, restos arqueolóxicos e obras de arte. Explicounos que o que máis abunda nesa época son os pergamiños, a maioría escritos en latín, tamén en galego e algúns en castelán. Nas súas fontes puido ver que a tarefa de ler e escribir era duns poucos, tan só as mulleres dun nivel alto tiñan dereito á alfabetización.

O monacato era unha opción de vida para as mulleres, sobre todo para as nobres, que ingresaban sendo pequenas despois de pagar un dote para facerse monxas e en mosteiros preto das familias. Neles, máis alá de rezar, xestionaban o patrimonio, exercían o poder e as abadesas estaban á fronte dunha institución de poder, pero máis alá da clausura elas saían por obriga e por pracer.

O monarca deulles ás monxas moitos poderes, converténdoas na autoridade pública máis importante da zona, xa que cobraban impostos, exercían a xustiza e nomeaban cargos: notarios, alcaldes… facendo que ás veces tratasen mal a xente. O fin do monacato feminino na Ribeira Sacra foi coa reforma dos Reis Católicos, que recluíron a todas as bieitas galegas a San Paio de Antealtares, elas resistíronse e algunhas fuxiron, iso levou a preitos e pactos.

Logo están as mulleres laicas: nobres e campesiñas, para as que o matrimonio era a súa mellor opción de vida, pois preferentemente buscaban alianzas entre familias. Estas mulleres traballaban, xestionaban a economía familiar, exercían de criadas…

Para as nobres era moi importante casar ben e a maternidade para garantir a perpetuidade da familia.

Despois tamén estaban as mulleres campesiñas, elas eran a maioría social, traballaban na gandería, agricultura, na viña… Tiveron un progresivo peso na renda do diñeiro e son as corresponsables xurídicas dos contratos forais.

O peche da conferencia axudounos a comprender que as mulleres non só eran a metade da poboación, senón que formaron unha parte moi activa da sociedade medieval.

A min persoalmente gustoume, por entender mellor unha parte da nosa cultura.

Elena Belén Novoa Rodríguez

 

A exposición de hoxe pareceume moi interesante, pois sempre tiven a influencia oral de que as mulleres antigamente non tiñan poder e non realizaban cousas importantes, cando hoxe vin con claridade que non tiña nada de certo o que me dicían, quedei asombrado. Si que temía que as abadesas terían máis poder, pero non sabía que certas mulleres deran bens á Igrexa para que foran elas quen os xestionaban.

Tampouco sabía que mandaban nas súas terras e herdábanas, supoño que máis do 80% fora porque lles deran permiso os seus pais, o marido ou a familia.

Gustoume saber que no século XV as mulleres se defenderon e renegaban de ir a Santiago de Compostela por castigo imposto pola Igrexa.

Para rematar, fascinoume que teño a oportunidade de visitar os mosteiros nos que moitas mulleres viviron hai centos de anos pola súa proximidade, porque os teño relativamente preto.

Xabier López Cortiñas

 

No instituto Lama das Quendas foi impartida unha charla sobre as mulleres na Ribeira Sacra, e sobre iso quedei abraiada, xa non só polo laborioso traballo dos historiadores, senón porque tiña unha idea errónea do papel que desempeñaron por aquel entón as mulleres. É admirable toda esa recadación de escritos, onde se demostra que elas tamén formaron parte da historia, aínda que non sexa reflectido en libros.

Falouse das relixiosas, crendo eu que nunca foran donas de nada nin foran tan relevantes. Gratificante é saber que non todo o que criamos sobre elas é de todo real. Logo de coñecer todo isto, aínda é máis fermosa e misteriosa a Ribeira Sacra, sabendo un pouco o que acontecía dentro deses marabillosos mosteiros.

Lucía Expósito Couso

 

A semana pasada estivemos presentes nunha charla que nos impartiu Miguel García Fernández, onde se tratou o tema da importancia das mulleres medievais na Ribeira Sacra. Unha videoconferencia onde se recibiu moita información xunta en pouco tempo e con moitas imaxes de mosteiros, capelas e monxas das que descoñecía a súa existencia. A Idade Media non é a época escura como pensei e lin nos libros.

Chamoume a atención o matrimonio da muller, que buscaba casar con homes ricos, e a que non o conseguiu converteuse en monxa. As mulleres daquela non só rezaban e tiñan fillos, tamén se divertían, traballaban e mandaban. Gustaríame ler algún pergamiño da Idade Media escrito en latín e contemplar a súa beleza.

Outro dos temas que puiden escoitar ben é que as monxas dos mosteiros tamén pecaron, quedando algunhas embarazadas. As zonas onde se mudaron a mosteiros ou capelas foron: Chantada, Meira, Ferreira de Pantón, Lobios, Terra de Trives etc.

A miña opinión é que quero saber algo máis sobre as mulleres destes séculos, non só sobre as monxas máis importantes e as que tiñan poder, tamén de campesiñas que loitaron polas súas familias, escritoras etc. Pero co tempo e con xente como Miguel García imos coñecer moito máis.

José Luis Diéguez Porto