O Programa Ler Conta Moito chega a Cambados da man dos Quinquilláns!
O pasado venres 27 de marzo iniciamos as actividades de animación a lectura grazas ao Programa Ler Conta Moito en Cambados.
A través da ALM de Castrelo, puidemos levar a cabo a homenaxe ao Día Internacional do Teatro e o encendido en azul da Naiciña de Asorey, para apoiar tamén á Asociación cambadesa Por Dereito, que traballa para a inclusión de persoas con autismo.
Todos os anos levamos a cabo na primeira semana de abril, a Semana Azul, en colaboración con Por Dereito e Bata, pero este ano ao coincidir coa Semana Santa prefirimos adiantala cun fermoso acto na Praza de Asorey que incluiu a intervención de pais da asociación, e a actuación dos Quinquilláns co seu espectáculo “Porque é salgada a auga do mar?” . E como colofón, o encendido da escultura da Naiciña, uníndonos ao movemento mundial Light it up blue! promovido pola comunidade Autism Speaks co que monumentos destacados de todo o mundo tínxense de azul apoiando a inclusión de persoas autismo.
O espectáculo dos Quinquilláns foi todo un éxito, cunha posta en escena que sorprendeu e fascinou a todos os asistentes, sobre todo aos máis novos, cando, gafas de mergullo incluídas, nos adentramos nas rúas de Cambados convertidas no fondo mariño da ría de Arousa.