Migallas e o seu “Camiño de Historias” na B.P.M. El Viejo Pancho de Ribadeo
O pasado luns 28 de marzo visitounos na B.P.M. El Viejo Pancho o grupo de teatro Migallas co seu espectáculo “Camiño de Historias”. Grazas á axuda das nenas e nenos que viñeron á biblioteca, Hermelinda e Maximino foron quen de ordenar as letras esparexidas das tres palabras que definen a felicidade: PAN (o bandullo cheo), RISA (que nunca falte a alegría) e SISO (sentidiño para vivir no mundo). Estas palabras atopábanse escondidas en tres contos a través dos que percorremos o mundo desde Brasil ata Macau pasando por Angola. Debuxos, transparencias e pregos foron nesta ocasión o medio utilizado para mergullarnos unha vez máis no mundo da fantasía da man de Migallas, onde as cancións e a lingua comparten protagonismo con historias que atrapan a nenas, nenos e maiores.