Bea Campos en Ribeira
O segundo sábado de xuño tivemos os mellores contos no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira con Ler Conta Moito.
Bea Campos co seu espectáculo “Limón, cantos e contos” puxo o público en pé nun entregado aplauso. Aquí vai a crónica do sucedido…
Chegamos ao Lustres ás 12.00 h. Houbo quen xa viña da Biblioteca Pública Municipal de Ribeira de coller libros para a fin de semana, e houbo quen se achegaba directamente para participar na actividade infantil e familiar.
Xuntámonos no salón de actos, xa co escenario cheo de obxectos que chamaban a nosa atención. Unha casiña branca, un feixe de flores, unha cesta con axóuxeres e outros instrumentos, e caixas, moitas caixas de madeira con pecho… Que haberá dentro? Quen vivirá na casiña?
Mentres agardabamos o ir e vir do ascensor co público estivemos ensaiando o noso teatriño do galego. Unha, dúas, tres veces repetimos a nosa frase “Levo o galego no corazón”, para despois de aprendida repetila en voz alta e con xestos acompasados.
Aí fomos, na compaña da concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Nucha Brión, coñecemos as Bea Campos e representamos a nosa pequena función de amor pola lingua galega.
Bea deunos a en hora boa e as grazas e comezou o seu espectáculo.
Na casiña vivía un coelliño BRANCO, que ía facer un CALDIÑO, e saíu á HORTA, buscar COLES, pero non as había así que foi cantando e paseando na procura delas. E segue o conto, e aparecen as personaxes unha CADELA, un BOI… Amigos e amigas do coelliño BRANCO. Unha forma marabillosa de aprender novas palabras e gozar de novas historias.
E máis contos e máis cantos, e máis…
Grazas Bea Campos polo teu magnífico traballo.





