Cóntoche un traxe, con Montse Rivera


Montse Rivera presentou a súa proposta CÓNTOCHE UN TRAXE o xoves 14 de xuño ante os integrantes do CL Pintor de Castinande da Biblioteca de Sober.
Ao longo de dúas horas fixo unha excelente posta en escea, presentando a historia do traxe en Galicia, como e onde se facían as roupas, os tecidos e a diferenza entre homes e mulleres así como as roupas de traballo e de gala. Contou coa axuda de catro asistentes ao acto que serviron de modelos mostrando a maneira de vestirse. Acompañando a presentación da roupa, Montse interpretou cantigas adicadas a distintas pezas e relatos recollidos en diferentes zonas de Galicia. Poidemos tamén coñecer a roupa dos nosos devanceiros a través dunha selección de libros expostos durante o acto.




