Entre arrolos e contiños. Os contos do chupete na Biblioteca Xosé Neira Vilas de Vigo
O pasado sábado tivemos unha nova cita con Bea Campos e David Fernández, que nos trouxeron os seus Contos do Chupete.
Despois de cantar o “Arrorró”, a nosa canción de benvida, fomos perseguindo ao ritmo da música do acordeón ao noso amigo Frederick, que estaba agochado nos máis insospeitados lugares: nun zapato, nunha cova, no medio da herba, nunha botella… Tamén recordamos a historia dos Sete Cabritiños e o Lobo, e fomos testemuñas de como unha verdadeira princesa non é capaz de durmir nunha cama na que baixo 20 colchós hai agochado un minúsculo chícharo…
Rematamos a sesión como sempre con música, primeiro seguindo os pasos de Catarina e o Oso polo mundo, primeiro a dúas patas, despois a tres, a catro… E puxemos punto e final cunha canción tradicional, neste caso de Portugal: así, ao ritomo do Galo Loiro despedímonos ata a seguinte sesión.
Tedes todas as fotos desta mañá Entre arrolos e contiños no álbum da Biblioteca Neira Vilas.
Entre arrolos e contiños. Os contos do chupete
Próxima sesión: sábado 24 de maio ás 12.00h
*Inscrición: a partir do 2 de maio ás 10.30h




