Contos do mundo na biblioteca de Currelos
Día 4 de outubro de 2013 ás 14:40, na axencia de lectura Maruchi Arias de Currelos
Da man de Solidariedade Internacional de Galicia chegáronnos estes Contos do mundo, dentro do repertorio do programa Ler conta moito.
A actividade comezou coa presentación da animadora ós asistentes, a quen invitou despois de entrar descalzos á nosa imaxinaria haima, para coñecer un pouco máis da cltura saharauí, apoiando a súa explicación con fotos. Xa acomodados no chan, invitounos a viaxar con ela coñecendo un pouco de mundo, a través dun globo terráqueo, vendo países, continentes e océanos.
Acabamos aterrando no norte de África, concretamente no deserto do Sáhara, do cal vimos fotografías: o deserto, casas de adobe, a roupa das súas xentes (incluso vimos como se fai un vestido cunha longa tea, sen fío nin agulla), tamén aprendemos que viven en haimas, escoitamos algo de música, e sobre todo, coñecemos algo máis sobre como viven e algunhas das súas historias.
Preséntase o xeito de vida en haimas, as teas coas que se visten, … incluso tivemos a oportunidade de que quen quixera tocara area do deserto do Sáhara (que nos trouxo nun frasquiño), o cal nos sorpendeu porque tén unha cor, unha textura e un aspecto sorprendente… Ninguén imaxinaba como sería tocar esa area.
Contou varias historias das que lle contaron cando estivo visitando a Gali e á súa avoa Layla. Os asistentes participaron activamente, e incluso cando nos ensinou como vestir unha tea moi longa para convertila nun vestido típico das mulleres saharauís. Entre as historias que nos contou están a historia do chacal Mohamed e a tartaruga Laha, e a do pastor que se converteu no sol.
Para rematar, fixeos un corro que foi percorrido por un bico viaxeiro, no que non se obrigou a ninguén que non quixera a recibir un bico desde un lado e “pasalo” ó outro ata que chegara á monitora para despedila.
Ademais entregou varios exemplares da colección “Contos do mundo” para a biblioteca e mais para o colexio de Currelos.
Séguenos