Marisa Irimia na biblio do Ézaro
Este ano, para conmemorar o Día das Letras Galegas, chegou ata a nosa biblio Marisa Irimia coa actividade Begoña Caamaño: voces de sal e de herba, un entretido contacontos que fixo as delicias dos máis pequenos.

Este ano, para conmemorar o Día das Letras Galegas, chegou ata a nosa biblio Marisa Irimia coa actividade Begoña Caamaño: voces de sal e de herba, un entretido contacontos que fixo as delicias dos máis pequenos.

Dentro do programa Abril de Libros nas bibliotecas de Dumbría, recibimos a visita de Juste Kamishibai co “Obradoiro de xoguetes de cartón e papel”.
Un obradoiro no que, traballando con papel e cartón como elemento base, naceron moitas historias, moitas tramas, moitos personaxes e escenas diferentes.
Gustounos!

Trémola teatro trouxo ata a nosa biblio a Pipo, un paxariño que estaba triste por non saber voar, pero que grazas á axuda do público conseguiu alzar o voo.
Este espectáculo conseguiu que a rapazada asistente participase activamente ao longo de todo o seu desenvolmento.
Grazas á axuda dos máis pequenos, e a través da música, da expresión corporal e o a narración oral, o paxariño Pipo consegue aprender a voar provocando a ledicia de todo o público.
É un espectáculo que atraeu a atención dos bebés en todo momento.

A pasada semana, visitounos A Xanela do Maxín co seu espectáculo Inventoras con mentes curiosas.
A través da participación activa do público, o espectáculo fai un percorrido pola historia de mulleres que destacaron no ámbito da ciencia e dos inventos.
As persoas asistentes coñecen así mulleres que superaron barreiras sociais e culturais, abrindo caminos para o futuro.
Aprendemos e gozamos, todo a un tempo.

O pasado luns, dentro do programa Abril de Libros nas Bibliotecas de Dumbría, Pedras de Papel (Electra Menéndez), visitou a biblioteca do Ézaro.
Tróuxonos un taller no que realizamos animais (reais e imaxinarios) en 3D. Para isto usamos tan só papel reciclado, cinta, pegamento e pintura.
O taller foi moi ben recibido e valorado polos participantes. Pequenos e maiores compartiron tempo e actividade.
Gustounos moito!


A través dun taller, os asistentes aprenderon a debuxar diferentes personaxes que formarán parte do seu propio cómic.
Helder, no Taller de cómic para nenos, amosoulles técnicas e trucos que lles van axudar a confeccionar o cómic.

Jóvenes Científicos [AC Jóvenes Científicos y Emprendedores Atlantic ] visitounos coa actividade Introdución á programación – Robótica creativa.
A actividade serviu como unha introdución á programación para os asistentes.
Na sesión tiveron a oportunidade de coñecer distintos robots e diferentes formas de crealos.
Desfrutaron de poder facer algunhas programacións adaptadas ás diferentes idades dos participantes.

O pasado venres, visitounos na biblio do Ézaro (Dumbría), Antía Yáñez.
Veu cargada cun feixe de experimentos a través dos cales nos amosou como todo é ciencia e como todo está nos libros. Non fai falta máis ca abrilos.
De ciencias ou de letras? Experimentos na biblioteca, é unha actividade moi recomendable e, ademais, para un abano moi amplo de idades.


Na tarde de onte a biblio do Ézaro acolleu unha nova actividade: “Robótica educativa. Creatividade inspiradora”, de A Nube de Artear.
Despois dunha breve introdución ao mundo da robótica, ao concepto de robot e as súas aplicacións na vida diaria, a rapazada pasou a construír os seus propios robots, programándoos, paso a paso, con luces de cores, sons, movementos, …
Magnífica actividade. Creativa e inspiradora, certamente.

Onte pola tarde achegouse á BPM do Ézaro, no concello de Dumbría, Fazulas e o ladrón de paraugas da man da compañía Bandullo Azul.
Unha bonita historia baseada no libro O ladrón de paraugas que, coa axuda do monicreque Fazulas e a actuación de Fran, conseguiu meter aos asistentes no conto.
Unha tarde ben entretida!



Séguenos