Benvida

Mirando polo Camiño é una nova experiencia para todos nos.

Aspira a ser un lugar de encontro, como tamén o é o propio Camiño, no que esperamos achegarnos ao patrimonio cultural común, que non é outra cosa que a nosa propia memoria como pobo. Aquilo que nos identifica como membros dunha comunidade que comparte a mesma historia e similares costumes e tradicións. Persoas que compartimos unha mesma cultura.

Dicía Umberto Eco, na súa obra ¿Por que lembrar?, que a memoria do pasado é a que nos di porque somos o que somos e nos confire a nosa identidade.

Se nesta andaina que agora encomezamos atopamos no territorio histórico dos Camiños de Santiago; naqueles bens que temos máis preto da nosa casa, da nosas aulas ou do noso lugar de traballo; nas lembranzas, costumes e tradicións das xentes que nos antecederon as pezas que van a construír, cando menos, unha parte dese complexo crebacabezas que é a nosa memoria, teremos avanzado na súa valorización e na forma natural de integralo nas nosas vidas de forma que poidamos gozar de el. Este é, e non outro, o destino final do patrimonio cultural.

Ao final o que obteremos é coñecermos un pouco mellor, saber quen somos e que representamos na Cultura Universal.

Unha benvida a todas e todos e moito ánimo no voso esforzo e no voso traballo. Espero sinceramente que vos resulte atractivo e produtivo.

Tan só polo que seguro imos aprender todos, e sobre todo nós do que nos ides aportar,  xa paga a pena.

Manuel Chaín Pérez // Subdirector Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.


Deixa unha resposta