“Superheroe” na biblioteca
O xoves 8 de setembro de 2022, ás 19.00 h., na biblioteca do Porriño tivemos a actuación de Fran Rei coa obra “Superheroe”, un espectáculo de narración familiar á que acudiu un gran número de persoas da nosa comunidade.
Trátase dunha obra moi entretida con argumento moi peculiar. En ausencia, por motivos laborais, de Supernai, o noso Superheroe deberá salvar a humanidade de terribles ameazas, sen esquecer a conciliación. Así, deberá loitar contra perigosos axentes malignos mentres prepara as merendas, pon unha lavadora ou cambia un cueiro. E todo, no axustado tempo que lle deixa a apertada axenda de actividades extraescolares dos seus fillos. Unha desventura cómica que bebe tanto das grandes e populares producións cinematográficas de superheroes, tan de moda nos últimos anos, como da apaixonante experiencia persoal da paternidade, que pretende ser unha sentida e sincera homenaxe a todos e todas @s superheroes e superheroinas que, día a día, nos fan a vida máis doada, máis fermosa e máis feliz.