17/09/2025
O pasado Venres 12 de setembro demos inicio ás actividades de outono-inverno na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén – BiblioPazos co espectáculo “ECORALIA, A LAMBONA ECOLÓXICA” que nos trouxo “PAKOLAS” co que conmemoramos a chegada do Equinocio de Outono e o inicio do Curso Escolar.
Este espectáculo está baseado no último libro-disco de PAKOLASque foi editado polo CRAEGA – Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia en Decembro de 2024 e que tedes dispoñible na nosa Biblioteca e no resto das Bibliotecas de Galicia desde este ano 2025.
PAKOLAS presentou unha proposta musical-narrativa contando e cantando a historia da meiga Ecoralia, que nos ensinou a través das súas cancións e contos a importancia de consumir alimentos ecolóxicos, para coidar o medio ambiente, combater o cambio climático e garantir o benestar animal.
A través das cancións e a narración, adentrámonos nas entrañas da carballeira máis extensa de toda Galicia, onde a vexetación é máis mesta e verde, vive Ecoralia. Sempre viste da cor do musgo e levaba unha trenza longa e roxa recollida cun estalote. Ecoralia é unha meiga moi nova e boa coñecedora de conxuros ancestrais aprendidos das súas avoas. Pero ela non é coma as demais.
O certo é que o pasamos moi, pero que moi ben.
Aquí vos deixamos unhas imaxes de como foi o asunto…
Por certo o libro en PDF, as cancións e o material educativo pode ser descargado desde a seguinte páxina web:
https://www.craega.es/es/divulgacion-infantil/


Séguenos